“O son da ribeira” adica a súa emisión de hoxe (TVG, 10.55 horas) ao tema “Maneo de Caión”. Para elo, o programa desprázase ata o porto de Caión, no municipio de Laracha, para escoitar a súa música e falar do mar e das baleas. Baixo a dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, o capítulo elaborado para a canle autonómica por Producións Celta, aborda unha canción que é unha das máis interpretadas polos grupos de música tradicional de Galicia.

Deste xeito, ao longo do programa serán varias as formacións que interpretarán o tema, empezando por O Aquel de aquelar ou o trío de pandeteiras Tanxugueiras, que neste momento ocupa a vangarda da música tradicional galega e que pechará a emisión coa súa versión. Na conversa con Rivadulla Corcón, Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro, contarán como chegou a elas este tema e os motivos de levalo no seu repertorio. Tamén explican que é un maneo e as súas diferencias entre os ritmos da xota e da muiñeira.

Tras un percorrido pola historia de Caión, un dos portos baleiros máis importantes de Galicia no século XVIII, soará máis música a cargo das Cantareiras de Vides Novas e as rapazas de Maraghotas. A súa historia gárdase tamén no Arquivo de Pesca e para coñecelo o programa fala co seu guía, Marcos Casdelo, quen transmite unha enorme paixón polas xentes do mar e os seus oficios. Tamén fala da importancia do mar para Caión e da súa historia da actividade baleeira.

Unha charla co patrón maior de Caión, Héctor Morgade, para coñecer a realidade actual da pesca, e outra con Alfredo López (Coordinadora de Estudios dos Mamíferos Marinos), pechan as intervencións no programa.

As percebeiras Laura Cures e Marisol Bouzas, nas rochas. Producións Celta

Por outra banda, a TVG emite o capítulo “O soño de Laura e Marisol. Percebeira nas rochas máis batidas” de “O clan das mariñeiras” mañá domingo ás 12.00 horas. Nesta ocasión, Producións Celta trasládase ata a Costa da Morte para coñecer a Laura Cures e Marisol Bouzas, dúas mulleres percebeiras que explicarán o seu traballo nas rochas. Para elo, o programa acompáñaas nunha xornada de mar bravo e que remata sen que ningunha das dúas consiga coller a cota permitida. Os telespectadores poderán ver como van indo de pedra en pedra, fuxindo dos golpes de mar e atentas a ver os percebes que poidan alcanzar un maior valor.

A xornada remata e aínda que non apañaron toda a cota permitida, volven á casa sans e salvas tras desempeñar un oficio que é o que queren facer porque, se non foran percebeiras, non serían elas.

Para coñecelas mellor e tamén facerlles unha xusta homenaxe, Rivadulla Corcón fala coas súas familias. Unha homenaxe a Laura Cures e Marisol Bouzas pola súa singularidade, por exercer o poder nas súas vidas, por ser valentes percebeiras e por ter o valor de vivir ao seu propio ditado.