“O son da ribeira” desprázase ata Cangas para contar a historia de María Soliña, que chegou ata os nosos días a través da poesía, fundamentalmente de Celso Emilio Ferreiro, con seu poema cantado e recitado miles de veces. O programa, elaborado por Producións Celta baixo a dirección e presentación de X. H. Rivadulla Corcón, emítese hoxe (10.50) na TVG.

Para coñecer detalles do poema “María Soliña” de Celso Emilio Ferreiro, o programa fala con Ramón Nicolás, patrón da Fundación Celso Emilio Ferreiro, que explica a importancia desta poesía dentro da obra do autor e da súa singularidade entre todos os que conforman o libro “Longa noite de pedra” .

A emisión permitirá escoitar varias versións do poema “Maria Soliña” de Celso Emilio Ferreiro. Unha das máis celebradas é a que compuxo Amancio Prada. Tamén Luar Na Lubre fixo un tema coa poesía, que soará no programa. Outro grupo formado por veciños e veciñas de Cangas é o Grupo Mornura, que interpreta a súa visión do tema.

As mulleres de Cangas, son as herdeiras do legado de María Soliña, que representa o dereito da muller a gobernar a súa vida sen inxerencia. Así, “O son da ribeira” organizamos un faladoiro con canguesas traballadoras do mar representando a diferentes sectores: a peixeira Lidia García, a redeira Pili Nogueira e a mariñeira Marisa Paz.

Un poeta que tamén falou de María Soliña escribindo un poema dedicado a ela foi o poeta de Cangas José Santos Rodríguez, coñecido popularmente como Pepe Poeta. O programa aborda a súa vida e obra con Héitor Mera, crítico literario, nacido en Cangas, que fará fincapé no aspecto máis humano de Pepe Poeta, que dedicou moitos esforzo a levar adiante proxectos altruístas, en favor das xentes máis humildes de Cangas. O poema soará co grupo cangués Varalonga.

Tamén haberá espacio na emisión para abordar a arquitectura popular de Cangas, as súas casas mariñeiras, con seus típicos patíns.

Por outra banda, a canle autonómica emite mañá, ás 12.00 horas, unha nova entrega de “O clan das mariñeiras” que, baixo o título “O soño de Celia Herbón. Bateeira con palabra para o futuro”, viaxa ata a ría de Arousa.

Celia Herbón, cos seus pais na batea na ría de Arousa. Producións Celta

Tamén de Producións Celta e coa dirección de X. H. Rivadulla Corcón, o programa explica que a industria bateeira é un dos sinais de identidade de Arousa e da industria pesqueira de toda Galicia. A día de hoxe hai moitas mulleres traballando nas bateas. No porto de Cabo de Cruz está a familia bateeira de Celia Herbón. Ela ten só 27 anos polo que representa un futuro feminino para ao mar. Compoñen a familia bateeira de Celia o seu pai Ricardo e a súa nai, tamén Celia.

A batea é un bo lugar para visibilizar a muller nos traballos do mar. Nas da familia Herbón Dieste, traballan dúas mulleres, dúas Celias, con conciencia de xénero. E queren batallar por lograr que as mulleres ocupen o lugar, na batea e no mar, que lles corresponde. A súa labor é en si mesma unha forma de facelo, o feito de desenvolver esta ocupación é unha constatación dunha realidade. A paixón mariñeira de Celia é un seguro para o futuro feminino do mar. Ela quere traballar o mar e xa o traballa, pero busca a continuidade.