“O son da ribeira” desprázase hoxe ata a illa de Ons para coñecer o seu cancioneiro nun capítulo que emite TVG ás 10.50 horas. Elaborado por Producións Celta para a cadea autonómica e baixo a dirección e a presentación de X.H. Rivadulla Corcón, o equipo viaxou ata o lugar nun bote polbeiro, a embarcación tradicional de Bueu. Acompañouno Víctor Domíguez, da Asociación Os Galos.

Nada máis chegar á illa, soará o primeiro tema do cancioneiro coa interpretación de María do Caño e a súa pandeireta. Nacida en Ons, trala actuación María contará como era a vida na illa a mediados dos anos 50 cando vivían alí unhas 500 persoas. También explicará que a música foi unha parte central na vida no lugar.

Unha parte moi importante desa música chegou ata o día de hoxe polo trabajo de recollida realizado por Josefa Otero e o seu marido, o xa falecido Staffan Mörling, un antropólogo sueco que foi a Ons no 1964 para completar un estudo sobre a vida nas illas atlánticas e xa quedou aquí. Neste punto do programa, ademáis de falar con ámbolos dous personaxes, volverán sonar máis temas nas voces dun grupo de veciñas nacidas tamén na illa.

Rivadulla Corcón, co matrimonio formado por Victoria López e Cesáreo Pérez Producións Celta

Na actualidade viven permanentemente todo o ano na Illa Ons dous matrimonios, xunto o garda do Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, que se releva cada 15 días. Un dos matrimonios é o integrado por Victoria López e Cesáreo Pérez. “O son da ribeira” visítaos na súa casa e Rivadulla Corcón fala con eles sobre a súa vida actual, e da vida cando na illa vivían moitos veciños. Os dous afirman que para eles non hai mellor sitio para vivir que Ons. De feito só saen da illa por motivos ineludibles: eles teñen fillos que viven en Bueu, pero din que en Bueu se aburren pero na illa nunca.

Ons é de gran valor para os estudos da etnografía social, mariñeira e musical.

Neste intre, os espectadores poderán escoitar ó grupo de música tradicional de Bueu Retrouso interpretando cancións do folclore de Ons.

A emisión trasládase neste punto á taberna de Ons “A viuda”, onde está Guillerme Costa, músico e estudoso do folclore galego nacido no lugar. Conta todo o traballo que ten feito sobre a música de Ons e a importancia que ten este folclore insular para o conxunto do folclore galego. Tamén indica as peculiaridades do canto e do toque de pandeireta en Ons. O programa emite neste momento unha nova actuación de María do Caño cunha canción propia de Ons, acompañada nesta ocasión á zanfona por Guillerme Costa.

“O son da ribeira” pon así de manifesto que Ons, como enclave mítico, é de interese, de gran valor, para os estudos da etnografía, tanto social, como mariñeira, e por suposto, no campo musical. Este é o motivo de que moitos estudosos da música tradicional busquen aos veciños e veciñas de Ons para poder coñecer de forma directa este transcendente legado musical que o programa aborda neste capítulo.