“O son da ribeira” trasládase a Portonovo para dar a coñecer a orixe da “Rumba dos cinco mariñeiros” nun capítulo que emite hoxe TVG a partir das 10.00 horas. Elaborado por Producións Celta coa dirección e presentación de X.H. Rivadulla Corcón, a emisión analiza este tema popular de gaita que rinde homenaxe ao mar e que é un dos máis intepretados polas formacións galegas.

Os primeiros en ofrecer a súa versión son os integrantes do grupo de gaitas de Muxía, Xaramiños do Corpiño, que actúan xunto as pedras do mar. Para coñecer a orixe deste tema e os motivos polos que é un dos máis interpretados en Galicia, o programa fala con Javier Lage, que é integrante do grupo Os Gatiños de Portonovo.

“O son da ribeira” continúa visitando a praza de abastos de Portonovo. Entre as súas peixeiras está Piliña Gómez, que acompaña ó presentador e ó resto do equipo de Producións Celta ata o porto. Alí explica como é o seu traballo de peixeira, e descubre que lle gusta moito a música popular galega como a toda a súa familia.

Varias formacións intepretan ao longo da emisión o tema popular á gaita

Este é o momento no que sona no programa una nova versión de “Rumba dos cinco mariñeiros”, interpretada neste caso polo grupo Os tremendos de Donas, de Baiona. Fan a súa actuación na cuberta da carabela “La Pinta”.

Únese ó capítulo o pai de Piliña, José Antonio Gómez, coñecido polos seus amigos como Joselito. Foi e segue sendo un home de referencia no mundo do mar en toda Galicia. Foi patrón maior de Portonovo durante 22 anos e tamén presidente da Federación de Confrarías de Pontevedra. Mariñeiro dende neno, porque xa de neno soñaba con ser mariñeiro, e patrón do cerco, pasou toda a súa vida no mar.

A emisión entra na casa de Joselito, que cociña unha caldeirada de raia, por suposto ao estilo de Portonovo. E mentres cociña, fala fundamentalmente de música e de como lle ensina cancións populares a súa neta, a filla de Piliña. Neste momento, a Banda de Gaitas de Cesantes toca outra versión da “Rumba dos cinco mariñeiros” no mesmo porto de Cesantes.

Tras degustar a caldeirada de raia que preparou Joselito xunto con Piliña e a súa nai Pili Guiance, o programa remata coa interpretación da “Rumba dos cinco mariñeiros” polo grupo de Portonovo, Os Gatiños, que a toca no peirao onde atrancan os barcos cerqueiros de Portonovo. Esta melodía podería ser a banda sonora dunha vida feliz, chea de emocións na que o son da gaita e o rumor do mar unidos compoñen este son único para compartir cos amigos.