“O son da ribeira” trasládase hoxe ata a ría de Arousa nunha nova viaxe polas cancións representativas dos diferentes portos galegos. Nesta ocasión, a emisión investigará as orixes e dará a coñecer a “Foliada de Vilaxoán” nun capítulo elaborado por Producións Celta e que emite hoxe a TVG a partir das dez da mañá.

Dirixido e presentado por X.H. Rivadulla Corcón, o programa explica como a ría de Arousa conserva aínda en activo dornas faenando no mar. Esta é unha das súas embarcacións emblemáticas pero tamén foron de relevancia central para a economía e a cultura da zona as xeiteiras, ou lanchas do xeito, que veñen polo mar “pescando sardiñas ao eito”.

Así, os espectadores poderán escoitar no porto de Vilaxoán esta foliada que fala das dornas e as xeiteiras, una canción que ten na súa esencia e alma na ría de Arousa e en especial do devandito porto, pois o propio título xa nomea ao seu berce de orixe. Tamén como é habitual, ao longo do programa varios grupos interpretarán o tema protagonista. Os primeiros serán Atlántica Vapor Orquestra de Vilaxoán, que ofrecerá unha versión moi actual.

Ademáis, Rivadulla Corcón falará con Luís Cardalda, un dos integrantes da Coral Polifónica de Vilaxoán. Luís traballa como peixeiro e explicará como naceu a canción, a historia da coral e o seu oficio de peixeiro.

Asimesmo, e como en tódolos portos, o colectivo de mulleres do mar son vitais en Vilaxoán. Son un importante sustento económico e tamén unha manifestación cultural, como forma de vivir o mar, de traballalo con sostenibilidade. Elas traballan tamén na ría indo á ameixa. Así, o programa achegarase á zona marisqueira para falar coas mariscadoras Lourdes Corvo e Mari Carmen Paulas, todo mentres traballan.

A Coral Polifónica de Vilaxoán interpreta a foliada case ao final do programa

O seguinte grupo en interpretar unha versión da “Foliada de Vilaoxán” será Xironsa de Cambados, que tocará ao xeito tradicional dos grupos de gaitas.

Como enclave mariñeiro que é, Vilaxoán ten no mar a súa razón de ser e foi construíndose co traballo na ría. E neste contexto, a música ten ás veces un valor transcendente de homenaxe ás circunstancias que constrúen a vida dunha vila. E así homenaxea ao pasado de Vilaxoán a foliada. Unha versión especialmente singular e fermosa é a que interpretan Uxía Vázquez á zanfona xunto con Álvaro Cardalda ao acordeón.

Pero a foliada tamén rinde homenaxe o Vilaxoán actual porque a vila segue fiel a súa orixe, e isto tamén hai que recoñecelo como un valor. Vilaxoán é un exemplo de vila que sabe mirar ao futuro pero sen esquecer o seu pasado. Para falar do pasado e da actualidade desta vila, o programa invita a Teo Cardalda, mariño mercante e estudoso da historia de Vilaxoán.

Por último, a Coral Polifónica de Vilaxoán entonará a foliada, un tema que se canta cada ano, sen falta desde 1975, na celebración das Festas do Carme, xunto a outros cantares mariñeiros, todos eles cheos de emoción ilimitada.