A nova película de Alfonso Zarauza chega ás salas comerciais de cine o vindeiro venres. Pero antes “Ons” terá hoxe unha preestrea no municipio que acolleu a rodaxe e a todo o equipo técnico e artístico. Non poderá ser na propia illa debido as evidentes restricións sanitarias e de aforo que impón á pandemia da COVID, pero aínda así será en Bueu. O lugar escollido é o auditorio do Centro Social do Mar, no que poderán entrar 80 persoas [todas as localidades están esgotadas], e o programa incluirá a actuación de Chicharrón, que achega para a banda sonora da película o tema “Na cela”, unha adaptación dun poema de Antía Otero.

–“Ons” vén de ser estreada xa en algúns festivais, como do Sevilla ou Cineuropa de Santiago, onde ademais vostede recibiu un galardón pola súa traxectoria. Que tal foi a acollida da película ata o momento por parte de público e crítica?

–A acollida foi fantástica, tanto en Sevilla como en Madrid onde a Cineteca del Matadero estaba casi chea porque alí os límites de aforo son bastante menos restrictivos que aquí, a pesares de que a incidencia do virus é maior. En canto ás críticas ate o de agora están sendo todas moi boas. Estamos francamente contentos e con moi boas sensacións, desexando que chegue o día 18 de decembro para tela en todas ás salas comerciais das principais cidades de Galicia.

–Agora chega se cabe unha das probas máis esixentes, coa prestrea en Bueu para os veciños da vila e da illa de Ons. Que reacción agarda ou lle gustaría por parte deste público tan achegado ao lugar da rodaxe de “Ons”?

–É un dos momentos máis agardados por min para tratar de devolver á xente da illa, en forma de proxección de achegamento, todo o cariño, xenerosidade e entrega que tiveron con nós. Á xente da illa pero tamén á xente de Parques Nacionais que foron moi xenerosos con nós, aos gardas forestais do parque, que nolo deron todo e aos fareiros da illa.

–Confía en que aínda sexa posible unha proxección na propia illa de Ons?

–Estou seguro de que este verán poderemos facer máis de unha.

–Como escolleu ou se decidiu por Ons e non por outro lugar ou non-lugar para esta historia? Que ten de especial esta illa?

–En primeiro lugar porque é unha illa e eu precisaba un espazo illado. Pero dentro das múltiples e fermosas illas que temos no país Ons é a que ten máis carácter e singularidade porque é un lugar que combina a beleza salvaxe coa pegada humana dun xeito único.

"Sen lugar a dúbidas foi a miña rodaxe máis dura e complexa, pero tamén a máis fermosa e inesquecíbel"

–Hai uns meses estivo en Bueu, dentro do FICBueu, e falábame de que “Ons” foi unha rodaxe “épica” debido as condicións na que a tiveron que afrontar, sobre todo a nivel climático. Foi a súa rodaxe máis dura e difícil?

–Sen lugar a dúbidas foi a miña rodaxe máis dura e complexa, pero tamén a máis fermosa e inesquecíbel. Vivir na illa nos duros meses de outubro e novembro, coa illa baleira e baixo os temporais de outono, é todo un privilexio. Síntome moi afortunado.

–A película estréase a vindeira semana nun momento moi complicado por culpa do impacto do coronavirus que afecta, entre outros sectores á cultura e ás salas de cine. Pensaron en adiar ou aprazar a estrea debido a esta situación ou esta opción non era viable?

–Para nós o máis fácil era agardar ao ano que vén cando as circunstancias estean máis a favor, pero penso que neste momento a cultura é máis necesaria que nunca e decidimos sair ás salas comerciais na época máis difícil e competitiva do ano: o nadal. Pode que sexa un pouco suicida a nosa decisión pero é a que nos pedía o corpo e tivemos que tomala a primeiros de novembro cando a situación estaba peor coa segunda ola.

–Antes da preestrea de hoxe en Bueu participou onte mesmo nunha charla titulada “A lingua no filme Ons”, dentro das xornadas que organiza o Concello. Supoño que para vostede resultaría innegociable que a historia se rodase en galego. Que lle aporta á película o uso da lingua propia, máis alá da evidente credibilidade á historia?

–Levo toda a vida pelexando, tendo que xustificarme, dando explicacións aos distribuidores e á prensa de Madrid por facer cinema en galego. Con “Os fenómenos” fomos a máis de trinta e cinco festivais do mundo nos cinco continentes e a ninguén lle molestou nunca que o filme estivera en gran parte en galego. Para min é un orgullo inmenso ver unha sala ateigada de xente en Nova Iorque, Londres, Paris, Edimburgo, Tallín, Hoff, Estambul, Fortaleza, Bos Aires, Montevideo ou Tetuán desfrutando dun filme en galego. Eu penso que temos a enorme sorte de ter un idioma propio e fermoso. En Ons hai diferentes usos e formas dialectáis, porque tamén vai sendo hora de que vexamos a nosas variedades dialectáis reflectidas na pantalla. Eu só podo sentir orgullo por facer cinema en galego aínda que me aburra ter que explicar porque o fago, para min é o natural. A Almodóvar non creo que ninguén lle pregunte porque fai cinema en español, é o natural, pode facelo en inglés pero o natural é que o faga en español, a min pásame algo parecido.