O Concerto das Letras Galegas cumpre dez anos e, nesta edición e por mor da situación epidemiolóxica do coronavirus, terá lugar na rede. O Consello da Cultura Galega (CCG) decidiu manter esta cita e difundila por internet. O convite é hoxe, día no que a figura homenaxeada neste ano, Ricardo Carvalho Calero, cumpriría 110 anos. A partir das 19.30 horas pode seguirse a retransmisión en directo desde a web do Consello da Cultura Galega.

A presidenta da institución, Rosario Álvarez, destaca que malia o cambio “seguirá fiel á súa esencia e ofrecerá un diálogo entre a música e a literatura galega”.

A proposta desta edición correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo. Ademais, haberá unha estrea absoluta, unha peza de Nani García musicando o poema “Danza” de Calero. Ademais, actuarán a bailarina Janet Novás (O Porriño, 1982) e a soprano Esperanza Mara (Noia, 1989).

Tamén se interpretará “Inger mi calices” de Fernando Buide del Real; “Músicas nocturnas” de Xan Viaño con obertura e un exercicio de meditación sonora; e “Ódiote” de César Morán, composta sobre un texto de Rosalía de Castro.