Galicia xa liberou canles dixitais que ocuparán as redes de 5G
Os axustes afectaron ás provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra
Redacción | Vigo
A Comunidade galega rematou onte os traballos técnicos para deixar libres as frecuencias incluídas no denominado segundo dividendo dixital. Ás 07,00 horas de onte procedeuse ao apagado dos centros emisores da rede de telecomunicacións da empresa pública Retegal, dependente da Xunta de Galicia, para liberar esas frecuencias ocupadas ata agora polas canles da televisión dixital terrestre (TDT).
Este proceso, que se desenvolve a nivel europeo, consiste no desprazamento das canles da TDT a novas frecuencias, co fin de liberar a banda de 700 megahercios do espectro radioeléctrico na que se van despregar as futuras redes de telecomunicacións 5G.
Os centros que se apagaron na pasada madrugada nas provincias de Ourense e Pontevedra estaban emitindo desde febreiro nas antigas e nas novas frecuencias de modo simultáneo, co que se garantiu o mínimo impacto na poboación.
Para a execución deste proceso de liberación do segundo dividendo dixital en Galicia, Retegal tivo que actuar en 115 centros emisores nas áreas técnicas (provincias) de Ourense e Pontevedra.
En Lugo os traballos xa remataran a principios deste ano, antes da corentena por mor da Covid-19. Esta liberación de frecuencias desenvolveuse nun tempo récord nun total de 89 centros emisores, concluíndo os labores na noite do 10 ao 11 de febreiro.
Polo que respecta á Coruña, esta provincia non está afectada polos axustes derivados do segundo dividendo dixital
A maiores tamén mudou a frecuencia de emisión do múltiple autonómico noutros 216 centros de extensión de cobertura municipal.
As canles actuais
A partir de agora, a emisión da programación da TVG será na canle 25 para Ourense e na 37 para Pontevedra. En Lugo emite na canle 31.
Os municipios afectados polos cambios de frecuencia na TDT son 101 de Ourense (351.332 habitantes) e 60 de Pontevedra (970.905 habitantes). Mentres, en Lugo foron 58 concellos que suman unha poboación de 289.761 habitantes -a zona sur de Lugo está incluída na área técnica de Ourense.
- «Tosí, él dijo ‘aquí no era’ y siguió pinchando; no me avisó de los riesgos»
- Ratifican la condena a un fisioterapeuta que perforó los pulmones a una paciente por una «evidente» mala praxis en la punción con agujas
- Suspenden en Vigo a una profesora de Inglés durante un año por no saber dar clase
- Entrega del bote de 'Pasapalabra': Antena 3 modifica así el horario del esperado momento
- ¿Qué pudo pasar en la cirugía de Carmen, la mujer que quedó parapléjica tras operarse la rodilla en Ourense?
- Se buscan vecinos para vivir en este pueblo cerca de Vigo: hay trabajo y casas en venta desde 50.000 euros
- Chicote rueda su 'batalla' de restaurantes en Cangas
- Un bebé con una enfermedad rara e incurable logra salvarse tras recibir una terapia de edición genética creada para él: 'Es un milagro científico