O programa "O son da ribeira", que emite a Televisión de Galicia (TVG), aproveitará hoxe para escoitar no concello de Viveiro e o porto de Celeiro unha das cancións mariñeiras máis populares, Catro vellos mariñeiros, e falar tamén con catro vellos mariñeiros. Musicalmente iniciarase o programa cunha versión interpretada por Os Firrás, de O Grove, un grupo, co estilo da canción mariñeira de taberna.

Para coñecer a historia desta canción e tamén a historia pesqueira de Celeiro, X. H. Rivadulla Corcón falará co escritor Vicente Míguez, nacido en Celeiro e de familia mariñeira. Na Confraría de Celeiro xuntaranse a catro vellos mariñeiros: Moncho Pérez, que coñeceu a época dos roxóns; José Cabaleiro, de neno traballaba a xávega; Andrés Díaz contará de cando aínda había porto en Viveiro e da moita actividade pesqueira desa época, e con Manuel Méndez lembrarase a vella lonxa.

O son da ribeira ofrecerá unha versión moi curiosa da canción protagonista desta edición, a proposta rock dun grupo da Coruña, que se chama Bastards on Parade. Unha versión moi sentida, que siga o ritmo da música máis tradicional atópaa o programa da Televisión de Galicia en Cabo de Cruz, co grupo formado por mulleres do mar: Nunca é tarde.

Catro vellos mariñeiros é un tema que reivindica o valor de todas as xentes do mar, e acada a condición de himno dun colectivo con profunda identidade propia, sustentada pola cultura do mar. E nesta condición é unha canción que se proxecta en forma de música máis vangardista.

A entrega do programa que emitirá este sábado a canle autonómica despedirase cunha versión que amosa esta realidade, o tema do gaiteiro David Bellas, un destacado innovador da música de gaita, e o tema titúlao "Divertimento cos catro vellos mariñeiros".