O Berbés, en Vigo, é un dos centros mundiais da pesca, e é tamén a orixe do Vigo que coñecemos hoxe. Trátase dun barrio transcendental na urbe olívica pero non só destaca pola pesca e a actividade comercial senón tamén pola música que ao longo do tempo foi inspirando, e segue inspirando: O cancioneiro do Berbés. Por iso, hoxe, sábado, a partir das 20.20 horas, a TVG emite o programa número cinco de "O son da ribeira" no que a melodía do Berbés será unha das protagonistas.

Neta nova entrega, a audiencia escoitará a música interpretada polo grupo de música tradicional Abóbriga no tema a "Muiñeira do Berbés", que está composta por Moncho Soto, que fai parte do grupo Abóbriga, pero traballa no porto do Berbés como peixeiro, dende fai xa moitos anos. "Moncho é un exemplo de como traballadores do Berbés, que ademais son músicos, compoñen temas inspirados na vida diaria do porto", destacan os realizadores do programa, que é presentado por X.H. Rivadulla Corcón.

Este falará ante a cámara con Loli Hernández que naceu no Berbés, na década dos anos corenta, na rúa Real, onde estaba o bar que a xente do barrio coñecía popularmente como "La Lechería", que era o bar dos seus pais, no baixo da vivenda familiar.

Loli é unha cronista fabulosa dos últimas sete décadas da historia da Berbés. E ademais Loli Hernández,, fixo parte do grupo As cantareiras do Berbés, grupo que xa non existe, pero xuntándose con Belén Garrote, que tamén formou parte das Cantareiras do Berbés, van interpretar unha canción para o programa.

Tamén haberá conversa, agradable e reveladora, con Isidro Ambrosio, mariñeiro que naceu neste barrio mítico, e traballou o mar sempre neste porto, e cóntanos como o barrio foi cambiando nos último oitenta anos.

Pero tamén queremos falar coa xente nova do barrio, os veciños e veciñas, que naceron no barrio e seguen vivindo nel, e que están por debaixo dos corenta anos, as novas xeracións, e representa a estas xeración Fiz Axeitos, que traballa para a Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo.

Un universo tan variado como o do Berbés é orixe de músicas tamén moi variadas, algunhas incluso moi sorprendentes. Recuperamos a gravación dunha actuación que fai anos realizaron conxuntamente as Cantareiras do Berbés, Boney M e os Diplomáticos de Monte Alto, para interpretar un tema destes últimos, dedicado ao Berbés.

Unha actuación musical especialmente significativa é a do Orfeón Mariñeiro do Berbés, porque está composto por veciños e veciñas do Berbés. E antes da actuación aproveitamos para falar co seu director Luís Prego

Así, o público descubrirá que o Berbés é un universo variado que fala de fraternidade. No tempo actual unha lección de convivencia é sen dúbida a historia do Berbés, que contamos a través das súas imaxes, pasada e actuais, da memoria das súas xentes e das arelas de futuro, e da súa música, culta, popular, tradicional e bravú.

No equipo do programa, ademais de X. H. Rivadulla Corcón atopamos a directora de produción: Noelia López.; así como á produtora Julia Álvarez; o realizador Oscar Pardo, as redactoras Tamara Navaza, Olaia Ucha; o director de fotografía e cámara Alfonso Vázquez, así como os cámaras Javier Álvarez e J. Cuña. Como axudante de produción; Marta Gómez. Edición e na posprodución, Alex Penabade. Fran Arcay encárgase da posprodución de audio, mentras que a cabeceira e grafismos son da produtora Islandia.