Máis de tres décadas despois de xuntarse co obxectivo de recuperar do esquecemento e divulgar a música popular galega, Felisa Segade, Montse Rivera, Mercedes Rodríguez, Patricia Segade, Ana Rodríguez e Rosario Rodríguez anuncian a despedida do mítico grupo Leilía. “Vidas cantadas”, a súa xira actual, será a última, segundo elas mesmas confirmaron o pasado sábado durante o seu concerto na Festa do Queixo de Arzúa.
Pechan así unha andaina musical que deu comezo en 1989, cando estas seis mulleres, coas súas voces e pandeireta en man, tomaron a determinación de facer soar a tradición oral galega e reivindicar así a súa vixencia. Esta viaxe no tempo, da que dan testemuño cinco traballos discográficos –Leilía (1994), I é verdade i é mentira (1998), Madama (2003), Son de Leilía (2005) y Consentimento (2011)–, chega agora á súa derradeira etapa, coa que pretenden “pechar un círculo” retomando cancións do vello repertorio mais cun “aire novo”.
Desde o grupo lembran que, cando comezaron a súa andaina, o canto e a pandeireta “estaban esmorecendo” na Galiza. Porén, hoxe, botando a vista atrás, ven como “esta realidade mudou” e agora estes elementos forman parte das vidas de moitísimas persoas deste país.
Nesta última xira, as Leilía retoman vellas cancións do seu repertorio para facelas súas de novo. “Sendo as mesmas melodías teñen outro aire, igual que nós, que sendo as mesmas mulleres xa temos o pouso co que Leilía nos envolve e engalana”, sinalan.
Tras a súa participación na Festa do Queixo de Arzúa, o grupo ten programados, polo momento, outros tres concertos nas próximas semanas, serán o próximo sábado, 11 de marzo, en Ribadeo, o día 8 de abril en Carnota e o 23 de abril en Noia.