Dakidarría sopra 18 velas e monta unha festa cun novo disco, Colaxe, e tour. “Aguantar 18 anos é complicado”, confesa Gabri, “sobre todo nun sector tan precarizado como o noso”. Este venres, actúan na Sala Master de Vigo ás 22.30 horas con entradas a 12 e 15 euros. Ao día seguinte, en Compostela.

Para Gabri, sen embargo, “estamos a vivir un ‘bo momento’ para a música en galego e digo bo momento entre aspas. Temos representación de practicamente todos os estilos musicais en lingua propia, o que hai dez anos era impensable”.

Respecto do título do novo disco, explica que “Colaxe foi concebido nos primeiros días de pandemia cando se nos cortou a xira que iamos facer con 53 directos dos que só fixemos tres. Tiñamos unha enerxía moi poderosa e fixemos o disco coas ideas que cada unha de nós enviabamos desde a casa. Quedaron estilos moi diversos que fomos percorrendo nestes 18 anos. Dakidarría aunou eses estilos para crear un”.

Os dous anos de pandemia tamén trouxeron outra nova: o cambio da formación, ata o de agora, con seis músicos. “Despois do parón obrigado, as situacións vitais cambiaron e houbo xente como o guitarrista e baixista que non puideron volver por razóns laborais, persoais e familiares. Foi un shock perder a Simón, membro fundador, pero era comprensible porque era complicado seguir no barco. Na nosa tolemia habitual, decidimos ampliar a banda con cinco persoas máis”.

A suma dunha trombonista, teclista e programador entre outros ao escenario co pack anterior do grupo ofrece un resultado “moi cañeiro”, defende “sempre conservando a rebeldía pero con alegría”.

De feito, ao escoitar Colaxe unha decátase de que as mensaxes de reivindicación e resistencia proseguen inda que o son tira máis na balanza polo reggae e ska que polo guitarreo anterior.

As mensaxes de reivindicación e resistencia proseguen inda que o son tira máis na balanza polo reggae e ska que polo guitarreo

“Este disco, detalla Gabri, foi o primeiro que gravamos no noso propio estudo de gravación e sen produción musical. Normalmente traballabamos con Javier Abreu como produtor. Desta vez, decidimos facelo todo nós. Ademais, é un disco que visita varias influencias musicais. O punk rock está de base pero non como sonoridade. Si hai tres temas punk rock pero outros camiñan por vías máis reggae ou urbanas”.

En canto á canción ‘Pobo de artistas’, con colaboración incluída de Tanxugueiras e Rabelo, entre outras, o voceiro da banda lembra “que as admiramos. O disco gravámolo durante a pandemia, houbo meses que tivemos que pedir permisos para que a xente viñera gravar ao noso estudio. Esta canción busca poñer en valor o apoio mutuo que temos entre os artistas do país. Queriamos cantarlle á unidade porque non temos apoio das institucións. Queriamos un tema que falara da riqueza musical galega. Ao final, conseguimos a participación de máis de 80 bandas”.

Hai tamén espazo no disco para un tema no que denuncian á clase política e alta que rouba patrimonio público, ‘Que pidan perdón’. “Nós –reflexiona Gabri– cremos que a música, a poesía e as artes son armas que non matan pero forman conciencia para cambiar o réxime. O día que non o creamos deberiamos deixar de cantar e apagar os amplis”.