“Tocar en Vigo é tocar na casa, adrenalina pura e dura. Imos dálo todo”. A consigna parte de Nervo, un dos MC (vocalista) da banda de rap galega Rebeliom do Inframundo. Este sábado, a partir das 21.30 horas, temos unha cita coa súa música na sala MasterClub, coas entradas á venda en woutick!.

O concerto servirá para despedir o seu último disco, Ilegal, pero tamén para tocar os novos singles como “Vendetta” e “Sangue” que serán incluídos no novo álbum, que agardan presentar para o ano que vén.

Respecto a “Sangue”, a última canción subida ao YouTube, Nervo explica que escribiuna “na corentena. É un berro á liberdade. Se estás mal, loita por estar ben e non esquezas que volverás a estar mal porque todo é cíclico. No retrouso dicimos ‘A vida non é ye-ye/sube e baixa o yo-yo/Feliz ou triste/porque así funciona o rollo’. É imposible estar perfecto sempre. É unha oda á superación persoal”.

Precisamente, a loita contra o inconformismo e a arela de levantar a xente para que loite polo seu son dos comandos da espiña dorsal do grupo integrado tamén por Malvares de Moscoso, Frank, Movementss máis Dj Pol Para Nervo, esa loita, marca do seu rap combativo ou insumiso, “é fundamental. En certo modo, ao final, convertémonos todos nunhas ovellas queiramos ou non, vaiamos máis ou menos dentro do sistema. Pero somos persoas individuais que sentimos e non podemos esquecer as nosas individualidades. É xenial ser un mesmo e unha mesma. Non temos por que ser todos iguais e ir por un mesmo patrón marcados”, reflexiona.

Preguntado sobre se a mensaxe política que trasladan nas súas letras poden restarlle ou sumarlle oíntes, Nervo mostra contundencia: “Sinceramente, dáme absolutamente igual. Se eu fago unha crítica social é porque o sinto e se é algo persoal é porque necesito expresalo”.

Videoclips

Recoñece Nervo, non obstante, que unha parte importante do grupo vén dada polos audiovisuais, os videoclips que como o de “Vendetta” ou “Non imos polo regho” son verdadeiras obras de arte contemporáneas.

“Temos a sorte de ter moi boas amizades. Nos vídeos de ‘Vendetta’, ‘Plantar lume ao monte’ ou ‘Non imos polo regho’ está Sergio Steel Cora, “que a nivel do audiovisual do rap nacional está no top tres sen lugar a dúbidas. Para min, é o mellor. Falo dunha persoa que traballa con Kaze, con Tote King e artistas que se rifan por telo. Para nós, é unha marabilla poder contar con el ademais de con Alberto Lora que é outro crack e outra persoa máis da banda”.

Por último, Nervo fai referencia a "Luminarias" un proxecto que se pode seguir polo Spotify: “É un proxecto paralelo, son rapeadas dun minuto ou dous. Mentres faciamos os temas do disco, deume a arroutada. Levaba 20 anos facendo rap e sempre deixei unhas barras, patróns ou estrofas anotados na libreta. ‘Luminarias’ serve para que esas estrofas vean a luz”.