Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O público compostelán reencóntrase co amor do outono: volve Cineuropa

As entradas e bonos da XXXIX edición, que terá lugar do 7 ao 23 de novembro, saen á venda o próximo mércores, a partir das 11 horas na Zona C e en compostelacultura.gal

Clausura de la edición del año pasado, en el Teatro Principal

Clausura de la edición del año pasado, en el Teatro Principal / Antonio Hernández Ríos

Ana Triñáns

Santiago

O Festival Cineuropa regresa un outono máis a Compostela –entre o 7 e o 23 de novembro–, disposto a ofrecerlle ao seu público 140 filmes de cineastas consagrados e noveis, internacionais e galegos, que crean ficción e que cultivan o xénero documental. Un reencontro co público da capital de Galicia que ano tras ano, e xa van 39, demostra a súa querenza polo cinema menos comercial e polo ritual de compartir colectivamente o amor pola sétima arte.

E precisamente o amor ten nesta edición de Cineuropa un espazo destacado, mais non o clásico amor romántico, «melodramático», senón o amor «en todas sus formas, en toda su diversidad, porque el cine del odio no es, precisamente, el que defendemos en el festival». Falaba así o director de Cineuropa, José Luís Losa, para poñer enriba da mesa a necesidade de abordar o amor «en tiempos de discursos de odio y de negación del diferente». Así, Cineuropa 2025 vai proxectar 39 filmes vencellados coas diferentes formas de amor e de amar, baixo o epígrafe As cousas do querer.

Losa presentou a programación desta edición do festival no Pazo de Raxoi, xunto á concelleira de Capital cultural, Míriam Louzao, e á deputada de Cultura pola Coruña, Natividade González. Ambas puxeron en valor nas súas intervencións a necesaria colaboración institucional para este tipo de iniciativas. «As axudas, máis que recursos económicos», matizou González, son necesarias «na aposta polo talento e pola creatividade» e remarcou que do que se trata é de que «os recursos públicos volvan sempre ao público».

A deputada provincial de Cultura definiu Cineuropa como «máis que un festival de cine, é parte da vida cultural e emocional de Compostela» e asegurou que os santiagueses debemos estar «orgullosos de vivir nun lugar onde o cinema é tan importante». E tamén de orgullo falou a edil Míriam Louzao, para quen Cineuropa é, ademais dun «símbolo de Compostela, un acto de resistencia cultural».

José Luís Losa e a concelleira Louzao afondaron na programación desta XXXIX edición do festival, así como na traxectoria dos tres cineastas premiados este ano, entre eles a donostiarra-compostelá Jaione Camborda (Arima) que fixo historia ao gañar a Cuncha de Ouro do Festival de Cine de San Sebastián con O corno.

Xunto a ela van ser galardoados os directores Jonás Trueba (Los ilusos e Miniaturas), «referente do cinema independente español e herdeiro da mellor tradición humanista europea», e o palestino Kamal Aljafari, autor de dous documentais que se proxectarán nesta edición do festival, A fidai film e With Hasan in Gaza, un documento no que se narra a viaxe do cineasta á cidade palestina en 2001 para visitar un dos seus compañeiros de prisión, pois Aljafari foi detido polo goberno israelí. «Estaremos viendo en Gaza en 2001 mientras recordamos este último año de genocidio», explicou Losa.

Programa e escenarios

Catro van ser os escenarios do Festival: Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia e Numax. Baixo o lema Saír do outono e da clandestinidade, proxectará longametraxes de Paolo Sorrentino, François Ozon, Oliver Assayas, Lucrecia Martel, Alice Winocour, Laura Casabé e Ana Clara Ribeiro, entre moitos outros. Da presenza feminina falou a edil Míriam Louzao para describir os traballos das cineastas como «voces que desafían o relato dominante, porque compromiso e a palabra que define Cineuropa». O calendario farase público este venres en cineuropa.gal. O festival vaise distribuír entre a Sección Oficial Europea, Panorama Internacional, Docs Cineuropa, Panorama Audiovisual Galego e a competitiva, que vai pola quinta edición, Cineastas do presente. Os xornalistas e críticos de cinema Eulàlia Iglesias Huix, Ramón Lluis Bande e Florencia de Mugica compoñen o xurado.

En paralelo e Faye Dunaway

Na sección paralela, amais de proxectárense filmes dos tres galardoados co premio Cineuropa, contarase co apartado Latinoamericano, Fantastique Compostela, o clásico Maratón, As cousas do querer, Cineuropa Miúda e Faye Dunaway: o talento convulso. Desta última destacou Losa que é «una actriz de Hollywood que se enfrentó a Hollywood» e comparouna con Greta Garbo, pois a súa traxectoria abrangue unha década «aunque a diferencia de Garbo ella no se desvaneció, la desvanecieron». Losa aproveitou para relatar a liberdade coa que a gañadora dun Oscar por Network desenvolveu o seu traballo na meca do cinema sen obviar a mala sona que lle puxeron por, entre outros, o seu enfrontamento co director Roman Polanski durante a rodaxe de Chinatown.

A memoria da esquecida Faye Dunaway únese a outros documentos o que rememora os 50 anos da folga de actores e actrices nos últimos anos do franquismo, para o que se contará coa presenzada actriz Petra Fernández, e a proxección de Bajo las banderas, el sol, documental que pon o foco en ditaduras esquecidas, neste caso a do Paraguai baixo o mando de Alfredo Stroessner.

Tracking Pixel Contents