«O oficio de ‘script’ é invisible e este premio fainos visibles»
A Academia Galega do Audiovisual entregará á ‘script’ Encarna Alonso o Premio de Honra Fernando Rey

Encarna Alonso. / LOC
Ana Carro
-Que supón, na súa traxectoria, recibir o Premio de Honra da Academia Galega do Audiovisual?
-Supón unha enorme emoción, por ser totalmente inesperado. E un grande agradecemento, polo recoñecemento da profesión ao meu traballo. É unha honra que na miña figura sexa valorado o oficio de script, porque o noso traballo é invisible para todos, e este premio fainos visibles. Así que repito, estou moi emocionada.
-Como e por que comezou neste mundo do audiovisual? Xa que tamén estudou Maxisterio.
-Estudei Maxisterio, e desempeñei diversos traballos esporadicamente, ata que Carlos Amil, o meu compañeiro, contratoume como actriz para un episodio da serie Lendas en 1987. Como eu era moi curiosa e me fixaba en todos os detalles que tiñan que ver coa realización dunha película, mentres rodaba ese episodio de Lendas deuse a coincidencia de que a script da serie tiña que abandonala para seguir os seus estudos, e Carlos propúxome que realizase eu esa función. Merquei algúns libros sobre o oficio, porque non había escola onde prepararse, e co atrevemento da ignorancia atopei unha profesión da que namorei de contado. Manolo González [foi director da Escola de Imaxe e Son de A Coruña] suxeriulle a Chano Piñeiro a miña incorporación como script na parte final da rodaxe de Sempre Xonxa. Desde ese momento xa non parei, e alternei traballos para televisión e para o cine.
-Como define o labor da script? Cre que hai que reivindicar eses oficios que non se ven na pantalla?
-Raccord é a palabra que define o traballo dunha script. Tradúcese ao galego como continuidade, e niso consiste a parte visible do noso oficio. Creo que todo o mundo sabe que as películas non se rodan linealmente, de principio a fin, senón que se rodan a saltos, hoxe un plano do principio e outro do final da historia, mañá outro plano do medio e un do final, e así vanse alternando. O meu traballo consiste daquela en que o que sae en dous planos contiguos teña continuidade, que non aparezan ou desaparezan cousas e xente, e que as personaxes vistan e peinen do mesmo xeito, e que leven os mesmos obxectos nun plano e noutro para que non lle produza estrañeza ao espectador. Creo que hai que reivindicar todos eses oficios audiovisuais non coñecidos, pero absolutamente imprescindíbeis para que unha película acade un bo resultado final.
"Nos inicios do cinema galego, unha grande parte dos equipos estaban formados por xente de fóra do país"
-Di a Academia que vostede é un referente na industria e abriu camiño á incorporación da muller a un sector en constante evolución cara a igualdade. Foron difíciles os inicios? Como evolucionou?
-Nos inicios do cinema galego, unha grande parte dos equipos estaban formados por xente de fóra do país. Iso cambiou coa aparición da Escola de Imaxe e Son de A Coruña. A meirande parte dos integrantes eran homes. A incorporación da muller foi paulatina, e aínda que hai cousas que mellorar, cada día hai máis mulleres profesionais en todos os equipos. Só lamento non ter traballado con máis mulleres directoras, porque no cinema actual afortunadamente hai unha maior participación feminina nun posto tan decisivo, pero eu xa levo retirada dez anos.
-Foi complicada a profesionalización do audiovisual galego? Que anécdotas recorda de como traballaba naquel momento?
-Os primeiros cinco ou seis anos se realizaban moi poucas producións, pero a mediados dos noventa houbo un cambio espectacular, pois tanto a TVG como a Xunta de Galicia decidiron apostar forte polo audiovisual, e de súpeto había unha produción continuada de series e de películas de cine. Naquela altura, o traballo era analóxico. Eu ía cargada cunha mochila onde levaba libretas, lapiseiros e todas as ferramentas precisas para desenvolver o meu traballo. Agora cun teléfono móbil cobres todas as ferramentas. De Sempre Xonxa lembro con intensidade a rodaxe no fermoso e practicamente deshabitado pobo de Santoalla, en Petín. Durante un dos días tivemos unha treboada que metía medo. Non só tivemos que parar a rodaxe, senón que tampouco tiñamos onde abeirarnos. Foi espectacular: precioso e ao tempo temible, porque estabamos en plena montaña. Por un momento pensei que aí empezaba e remataba a miña carreira no cine.
-Que diferenzas atopa entre o cine e a televisión?
-A maior diferenza consiste no ritmo de traballo, pois no cine é un chisco máis pousado, o que beneficia o desenvolvemento da miña función de script.
-Tamén traballou en curtas.
-Son unha parte fundamental como porta de entrada na profesión. Eu fun alternando curtas e longas, porque me apaixona o entusiasmo da xente nova.
-Como de importante é na súa traxectoria o labor de docente?
-Como dixen antes, non había, e aínda hoxe non hai, escolas onde aprender o oficio de script. Pola miña formación en Maxisterio, pensei que pagaba a pena transmitir os coñecementos que ía adquirindo no meu traballo.
Suscríbete para seguir leyendo
- Niño Becerra enciende las alarmas: «Si vamos a peor, en verano podemos llegar a una situación Covid de paralización de la economía mundial»
- Carmen quedó parapléjica en el hospital de Ourense a los dos días de una cirugía de rodilla: «No quiero vivir así»
- Luis Zahera defrauda en A Sementeira de Corzáns
- La UCO escuchó al patrón de Villacarrillo 'recreando' el momento en que mató al temporero: 'Ven, que no te vas a enterar. Id preparando los curas
- La justicia archiva la denuncia por el caso del perro arrastrado por el Corredor do Morrazo
- Parte de la millonaria indemnización por la caída de una losa salió del bolsillo de los dueños del edificio
- Las «burras» se estrenan en redes
- Expulsan de un colegio de Vigo a un niño de Infantil por su agresividad