Esgotar as entradas en Cineuropa coa primeira película e só 25 anos é como tocar o ceo. O vigués Bruno Arias está a vivir o soño co documental “Os espazos en branco”. “A verdade é que xa me custaba crer que estrearamos no festival e acabar coas entradas en menos dun día... non o creo. Flipo en todas as cores. Non deixa de ser unha película modesta e pequeniña que fixemos un grupo de xente nova que estamos empezando nisto”, explica o cineasta que estrea a peza o día 17 no Salón Teatro de Compostela.

Arias detalla que o filme , con punto de vista subxectivo, versa sobre a súa relación con Xela Arias: “Era a miña tía. Ao comezo, tiña a intuición de facer unha película obxectiva en clave de homenaxe pero ao darlle voltas apareceu a necesidade de facelo máis persoal. Descubrín que canto máis subxectivo fóra máis apelaría ao emocional. Todo o mundo ten alguén que perdeu e que lle gustaría coñecer máis. Decidín falar da relación con ela pero en base ao que me conta a xente porque cando ela morreu eu tiña cinco anos polo que non lembro nada dela. A película vai sobre esa contradición e a descuberta da súa figura”.

A perspectiva que ofrece na obra é “familiar”, ao manter conversas co núcleo, amizades pero tamén xente de fóra dese círculo, precisa o realizador vigués. “Entre todo, fun facendo o meu relato” ao botar man do arquivo público e doméstico, engade.

Sinala que “é un camiño pola memoria, no que aparecen tres actrices –Lidia Veiga, Sheyla Fariña e Melania Cruz– para unha parte menos literal, máis performativa e teatral. Nesa parte alegórica lévannos por ese carreiro. As tres son recursos narrativos que interpretan momentos vitais”.

O discurso rápido e claro deste realizador sobre a súa peza cinematográfica mantense todo o rato e só cunha única pregunta bota man duns segundos de silencio para cavilar sobre a imaxe que finalmente lle quedou de Xela. “Como tía non a vivín moito. O que coñezo dela é a suma de cousas que recibín do resto da xente. Foi unha persoa moi independente pero que coidaba moito do resto, moi próxima aos demais. Era moi intelixente e moi preocupada pola actualidade”, resume.

A investigación así como a realización do documental serviron tamén para que Bruno Arias apañara pistas sobre si mesmo: “Descubrín cousas de min que se poden explicar en base á familia na que medrei. Atopei semellanzas entre ela e eu e así podo explicar partes da miña personalidade”. Cara o final da resposta, ofrece unha frase que o contén todo: “Foi unha persoa á que me gustaría ter coñecido”.

En canto a Cineuropa, ratifica o seu namoramento cun festival que non se perde desde que hai anos atrás chegou a Compostela para estudar Comunicación Audiovisual. Ao mesmo tempo, agradece a confianza a priori da audiencia. “Estamos tendo moi boa acollida e dá gusto ver que o público non ve a xente nova cunha ollada que nos infantiliza senón que nos validan como profesionais do sector. Estou contento inda que é posible que haxa xente que non viva esta situación. Eu estou moi agradecido porque a xente ten ganas de ver a película. Sentir esa calor é ir máis nervioso á estrea pero coa sensación de que nos arroupan”, conclúe.