O Festival Primavera do Cine continúa hoxe a amosar xoias da cinematografía. Esta noite, a partir das 22.00 horas, a organización proxecta “Liña de fuga”, da directora canguesa Marta Blanco.
“É unha película que nace dun proxecto de documentación vinculado ao festival Linha de Fuga de Coimbra. Propoñían a 30 artistas traballar alí varias semanas. Presenteime e colléronme para documentar. Pero realmente neste traballo o que fago é un diario máis íntimo da miña experiencia dentro dese laboratorio”, explica a creadora.
Finalmente, engade que é unha película “de retratos” entre os que inclúe o da cidade lusa así como dos compañeiros artistas e o dela. “Cóntoo dende o eu e intento que sexa o máis persoal e honesto posible. Estou expoñéndome tamén”, agrega a cineasta.
Marta Blanco aproveita para puntualizar no achegamento “antropolóxico” que realiza na peza. “Fala da cidade na que me atopo e na que estiven un mes pero é unha cinta moi política. Dá igual de que lugar do mundo narres as cousas, ao final estás contando os problemas dese mundo. Esta é unha película persoal e polo tanto entra na metraxe o que acontece nese momento, coa ollada tamén feminista”, engade.
Hai tamén no proxecto de Blanco unha reflexión sobre o colonialismo europeo cunha luz sobre el dada polo Portugal dos Pequeniños. “Dalgunha maneira compartimos iso con Portugal porque son países veciños e temos unha historia parecida. Fálase tamén da ditadura. No medio da película inclúo unha aperta entre Salazar e Franco porque traballei tamén con documentación de arquivo”, explica.
Para Blanco, “resulta complicado” falar deste documental gravado en formato dixital e que supón a súa opera prima en longametraxe, se ben ten traballado neste anos “en escena. Empecei e sigo traballando con coreógrafas. Estou moi vinculada á escena, teño feitas películas para a escena, e este é o meu primeiro traballo no sentido clásico do termo: para ver no cinema”.
O Primavera do Cine de Vigo prosegue ata o día 10. Ademais do filme autofinanciado de Marta Blanco o público tamén poderá ver estes días “10 de marzo” así como “De verdade queredes saber o que pensamos?”. Ambos os dous traballos proxectaranse o sábado.
Ademais, nestas xornadas tamén se poderán ver distintas curtametraxes.