O galego Eloy Domínguez Serén levouse a pasada noite a Biznaga de Plata á mellor curtametraxe do Festival de Málaga por 'Rompente'. Acostumado ao documental, o cineasta pontevedrés debutaba na ficción con este filme, producido por Zeitun Films.

'Rompente' conta a historia dunha parella adolescente que comeza unha complicada etapa: afrontar o coidado do seu fillo recén nacido. Ambientada nun pequeno pobo costeiro co Barbanza de fondo, Santi, encarnado por Sergio Baleirón, dedica o seu día a traballar nas bateas, mentres que de noite é percebeiro furtivo. A súa moza Lucía, interpretada por Soraya Luaces, vese obrigada entón a coidar soa do bebé. A grande responsabilidade e a ausencia provocan que o xoven procure redención e refuxio no mar.

ROMPENTE (Eloy Domínguez Serén, 2022) - Tráiler from Zeitun Films on Vimeo.

O filme, de 26 minutos, foi grabado en novembro do 2020 e o seu mérito é dobre porque ninguén do reparto tiña experiencia previa no mundo da interpretación, Sergio é bateeiro en Rianxo de feito: "Pasei a falar moito tempo con percebeiros e percebeiras do Barbanza e da Costa da Morte”, contou Eloy Domínguez nunha entrevista para FARO. Todos os actores son xente común que pertenecen, sobre todo, á zona de Cabo de Cruz. “Foi un traballo de seis meses a percorrer todos os portos que eu coñecía dende a Illa de Arousa ata Malpica falando con mariñeiros; e a procurar nos institutos á rapaza que daría vida a Lucía -Soraya é de Portosín-”, contou.

“Foi un traballo de seis meses a percorrer todos os portos que eu coñecía dende a Illa de Arousa ata Malpica falando con mariñeiros; e a procurar nos institutos á rapaza que daría vida a Lucía -Soraya é de Portosín-”

A 25.ª edición do Festival de Cine de Málaga, que rematará mañá logo dunha semana dende o seu inicio, está chea de acento galego coa presenza de nove producións. Sen ir máis lonxe, a estrea do certame foi servida pola película 'Código emperador', de Vaca Films, baixo a dirección de Jorge Coira e con Luis Tosar como protagonista. Ademais de 'Rompente', os outros sete filmes con orixe en Galicia que completan o cartel son os seguintes: 'Rapa', 'Welcome to ma maison', 'Cando toco un animal', 'Onde máis doe', 'Memoria', 'Sycorax' e 'El sembrador de estrellas'.

Domínguez Serén tamén explicaba no decano o porqué da súa obra premiada na cidade andaluza: "A raíz de ‘Hamada’, o produtor Felipe Lage propúxome traballar xuntos e falando de posibles historias atopamos cuestións biográficas que nos interesaban e que estaban relacionadas cos meus propios pais”.

Non é a primeira vez que o cineasta pontevedrés, de Simes concretamente, recibe un premio ao seu esforzo. A mesma 'Hamada', 'No cow on the ice' ou 'Os corpos', todos eles documentais, levan igualmente a estela do seu éxito.

Por outro lado, o filme 'Cinco lobitos', o debut de Alauda Ruiz de Azúa, foi a gran gañadora do festival, con catro premios: Biznaga de Oro á mellor película española, mellor guión, mellores interpretacións femininas principais (ex aequo para Laia Costa e Susi Sánchez) e o recoñecemento do público. Finalmente, 'Utama', de Alejandro Loayza Grisi, foi escollida como a mellor película iberoamericana.