A longametraxe "Malencolía", o xiro cara o terror do director de cinema galego Alfonso Zarauza (“Ons”, “Os fenómenos”) está protagonizado por Melania Cruz e Xúlio Abonjo. Hoxe chega aos cinemas galegos, de 17 localidades distintas. Falamos con Cruz quen resalta a rodaxe da cinta como “unha aventura agradable” no Irixo. “Esta película é un experimento intereresante ao redor do xénero do terror. É divertidísima e cun gran traballo actoral”, defende a intérprete quen engade que tamén ofrece “unha historia que fala moito de nós”, como galegos.

–Como é Sira, o seu personaxe?

–É unha pesoa que ten unha relación con Pepe dende hai moitos anos e decide retornar a Galicia porque acontece algo na súa vida que cambia totalmente a súa forma de estar no mundo. Ela procura paz e formar unha familia. Dedícase a editar libros e traducións de Sylvia Plath e outras autoras. Hai un momento no filme no que se fai referencia a estas creadoras e que ten que ver coa perda. É unha persoa decidida, curiosa e que non se amedentra.Isto tratándose dunha película de terror, pode supór que teña algún que outro percance.

–O medo é algo que está no noso cerebro?

–Penso que si, moitas veces somos nós os que nos infundimos os medos ante determinadas situacións de inseguridade na propia vida. Pode ser que sexan medos non reais pero que forman parte de nós.

Escena de "Malencolía", de Alfonso Zarauza.

–Tralo filme, cambiou a túa visión sobre fenómenos como as aparicións ou a Santa Compaña, que na película chaman a estadea?

–Afortunadamente, eu sempre estiven rodeada de persoas que teñen que ver coa narración oral. Por exemplo, Ana Carreira é unha das miñas mellores amigas e é contadora. Nas nosas familias sempre se falou de aparecidos e Santa Compaña. Pero esa tradición oral, ao ir morrendo a xente, vaise perdendo. O personaxe interpretado por Iolanda Muíños, que é espectacular, representa esta tradición oral. Na casa da aldea si nos sentabamos a escoitar estas historias que teñen que ver coa nosa tradición e que é unha mágoa que se perda. Eu pasaba os veráns na aldea nunha casa pegada ao cemiterio e pola noite iamos a el a invocar os mortos.

–Entón é unha persoa valente.

–Bueno, a min a escuridade... En canto ao meu personaxe, ela é moi valente en certas ocasións. A min, danme máis medo as persoas que algo que non son quen de explicar.

–Tira cara a malencolía?

–É certo que dende nova interesáronme poetas como Plath, Sexton... poetas que sentían que non encaixaban. A min, encántame a poesía e foi o que me deixou construír da personaxe Alfonso. El deixounos participar na construción do guión. Tanto Sira como eu gravamos audiolibros. Sempre me interesaron os poetas malditos.

–E escribe poesía?

–Si, eu escribo. Dende hai anos participo na revista “Xistral” de Lugo á que me convidaron Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco. Pero eses poemas quedan no ámbito privado porque hai outra xente que escribe marabillosamente ben. Tamén porque eu escribo por terapia, inda que a min non me gusta explicar esa palabra. É como unha vía de escape en determinadas ocasións.

–Por que é actriz?

–É unha maneira de expresarme, de vivir vidas que non tería oportunidade de vivir.