O martes, 17 de maio, Día das Letras Galegas, celebrarase unha nova edición da Feira do Libro Galego coa participación das librarías locais Iris e Espazo Lector Nobel. Nos andeis dos seus postos estarán presentes os libros do homenaxeado deste ano Florencio Delgado Gurriarán, xunto a grandes clásicos das nosas letras e novos e novas autoras. Na ofertan que presentarán ambos establecementos haberá títulos para todos os públicos e idades, cun amplo abano de xéneros, dende poesía, a novela, viaxes, ou cociña nos que haberá un 10% de descontos coma hoxe explicaban Pilar Fernández de Iris e Javier Oliveira de Espazo Lector Nobel.

A concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, salientaba que a Feira do Libro “está

enmarcada en Tui en Letras unha programación que oferta 14 actividades de dinamización e de posta en valor da nosa lingua durante todo o mes”. Engadía que esta programación rematará coa celebración “dos 131 anos da conmemoración do primeiro acto público en lingua que foi en Tui” aludindo aos Xogos Florais de Galicia.

A escritora Sonia Mirón, autora de “Si tu quieres” o “Mi corazón en una caja de Zapatos” será a encargada de dar lectura ao pregón da feira o martes ás 11.30 h, asinando a continuación exemplares dos seus libros. Ás 12.30 h a actriz, narradora e directora teatral Bea Campos achegará o público o contacontos “Os tres porquiños”. Xunto a Manuel Campos presentará este espectáculo no que se mestura teatro, xogos tradicionais e música en directo. Pola tarde, ás 18.30 h, será a quenda de Magín Blanco co seu espectáculo “Caderno de cores e cancións”, no que xunto ao músico Pablo Vidal, realizará un percorrido pola creación musical e literaria das cancións dende os trobadores.

Por último ás 21 h a Banda de Música Popular de Tui, a Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e o Grupo de Baile Lembranzas da Terra ofreceran un concerto especial e inédito no que participarán un centenar de persoas destas agrupacións, que se unen por primeira vez nun proxecto. O director da Banda de Música Popular de Tui, Eloy Carrera explicaba que durante algo máis dunha hora interpretarán “música de compositores galegos, e música galega, sobre todo música tradicional”.

Martes, 17 de maio, no Paseo da Corredoira. Participan as librarías Espazo Lector Nobel e

Iris

- Ás 11.30 h : Inauguración e pregón a cargo da escritora Sonia Mirón. Sinatura de libros

- Ás 12.30 h: Bea Campos con “Os tres porquiños” contacontos con monicreques

- Ás 18.30 h: Magín Blanco con “Caderno de cores e cancións” unha proposta musical

para público familiar

- Ás 21.00 h: Concerto das Letras Galegas a cargo da Banda de Música Popular de Tui, da

Banda de Gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei e do Grupo de Baile.