A mirada de Xela Arias segue os pasos de todas as persoas que percorren desde este luns a sala de exposicións do Museo Verbum, en Vigo, tras a inauguración de “A poesía do retrato”, unha mostra que conxuga parte da obra poética da autora coa fotografía de Xulio Gil. A exposición, organizada polo Concello de Vigo en colaboración coa Deputación de Pontevedra, poderá visitarse ata o 29 de outubro tras a apertura de hoxe, que contou coa asistencia da presidenta provincial, Carmela Silva, xunto a Xulio Gil e Darío Gil, parella e fillo da autora respectivamente, a nai e o irmán de Xela, a concelleira de igualdade Uxía Blanco,

o comisario da mostra, Xosé Enrique Acuña, e representantes institucionais.

A exposición mergulla a todas as persoas que a visitan no universo máis íntimo de Xela Arias a través de 40 dos seus poemas. Nas paredes do Museo Verbum os versos da creadora dialogan con 40 conxuntos de retratos en branco e negro da propia Xela que foron tomados por Xulio Gil nas décadas dos anos 80 e 90.

Esta mestura de poesía e fotografía non deixará indiferente a ningunha das persoas que a visiten, quen se atoparán cunha Xela Arias que posa con determinación e mira de fronte con honestidade e cunha mirada penetrante que atrapará a todas as persoas que acheguen ao museo.

“Xela Arias. A poesía do retrato” amosa a unha muller “única, empoderada, extraordinaria e rebelde que pretendía rachar co que non lle gustaba”, palabras coas que a presidenta da Deputación definiu á autora viguesa. Para Carmela Silva o feito de que este ano as Letras Galegas se dedicara a unha muller é unha

“reivindicación moi especial -que tal e como apuntou- ten que ter unha gran repercusión na conciencia colectiva”, aludindo así á invisibilización das mulleres en todos os eidos, como o da literatura. Ademais, a presidenta provincial puxo o foco no papel que xogan as mulleres na sociedade ao afirmar que “temos moito

que reivindicar e aportamos moito ás xeracións que veñen detrás de nós”.

Quen foi a parella de Xela, Xulio Gil, deixou claro que a pesar de ser o autor dos retratos a verdadeira protagonista da mostra é Xela, “e isto non sería posible se non se lle dedicara o Días das Letras Galegas”. O fotógrafo lembrou os momentos nos que retrataba á autora e ollándoos dende o presente afirmou que “cando estás a facer un traballo é moi difícil imaxinar a transcendencia que vai ter”. Pola súa banda, Darío Gil, fillo da autora, amosou a súa ledicia porque esta exposición se celebre en Vigo, a cidade na que pasou a maior parte da súa vida, e agardou que a mesma “sexa un reclamo para dinamizar a oferta cultural” da cidade. Este feito foi tamén salientado pola concelleira Uxía Blanco, quen resaltou a importancia que cobran os recunchos de Vigo nas fotografías e rematou a súa intervención recitando versos de Xela Arias.