A exposición "O universo de Xaime Quessada", que se pode ver no Sexto Edificio ata o 10 de xaneiro, amosa unha selección de 59 obras que comprende cinco décadas da actividade creadora do artista Xaime Quessada [Jaime Quesada Porto] (1937-2007), pertencentes a diversas coleccións privadas en nove institucións públicas.

Desde os comezos da súa formación, na súa cidade natal, a época de estudante na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid (1956-1960) e ata o final da súa vida, que se pecha no ano 2007, Quessada reflectiu na súa obra os acontecementos máis relevantes do seu tempo. Testemuña dunha época marcada por grandes convulsións e transformacións, soubo reflectir a través do seu traballo as propias inquedanzas, deixando ao descuberto a sensibilidade para captar aqueles asuntos de relevancia histórica referentes á arte, ao pensamento ou á política, en definitiva, ao ser humano, sempre no trasfondo das súas motivacións.

Constrúe o seu universo, acuñando unha linguaxe enraizada nos valores esenciais da pintura, recreándose en cuestións eminentemente plásticas e estéticas, partindo dos seus puntos de referencia na arte: Rembrandt, Goya e especialmente Picasso, o seu inevitable mestre; os expresionismos xermanos, o realismo máxico, o construtivismo ou a pegada ideolóxica do muralismo mexicano teñen permanente cabida, están no trasfondo das súas motivacións.

As visitas guiadas á exposición serán os xoves e sábados ás 18:00 h. Iso si, debido á situación sanitaria, teredes que inscribirvos previamente, xa que as prazas estarán limitadas a 9 persoas.

Xa podedes apuntarvos en gabinetedidactico.museo@depo.es ou chamando ao 986 804 100 (ext. 42412 ou 42413)

Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.

+info. en museo.depo.gal