Visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos a cargo do Gabinete Didáctico do Museo de Pontevedra.

Podedes achegarvos de martes a venres ás 11:00 h. sen necesidade de inscribirvos previamente, aínda que o aforo estará limitado a 18 persoas. Os grupos si deberán reservar cita chamando ao 986 804 100 ou a través do correo gabinetedidactico.museo@depo.es

Ruínas de San Domingos

É o edificio máis antigo de todos os que forman parte do Museo de Pontevedra. Consérvase unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas -excepcional no gótico galego-, xunto con parte do muro sur da igrexa e a entrada ó capítulo do convento de Santo Domingo, fundado en torno a 1282, se ben as obras do templo actualmente conservado non se iniciaron ata 1383, continuando ó longo do século XV.

Como consecuencia da aplicación da lei de exclaustración, o convento péchase o 8 de decembro de 1836, sendo entregado á Junta de Enajenación de Edificios y Efectos de los Conventos Suprimidos da Provincia de Pontevedra e logo cedido para Casa Asilo ó Concello, que o recibe en maio de 1840. Malia estar ocupado sucesivamente polo cárcere de mulleres, polo hospicio, pola escola de párvulos, ademais doutros puntuais destinos ditados polo Concello, foise deteriorando ata chegar a un estado ruinoso, de xeito que xa en 1846 se empregaron diversos materiais para o pavimentado de rúas. En 1864 é derrubada unha capela e, entre 1869 e 1870, a parte superior da torre situada na esquina sudoriental.

O Concello solicitara de novo a súa cesión o 12 de marzo de 1874 coa finalidade de proceder ó seu derrubamento total e poder ampliar así ata o seu terreo o Campo da Feira, cesión que é informada favorablemente polo Gobernador Civil e Presidente da Comisión Provincial de Monumentos, pero coa condición de que se respectase a parte da antiga igrexa e outros elementos de interese.