Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá no seu Café
Moderno de Pontevedra un proxecto expositivo interdisciplinar mediante o que
reflexiona sobre as formas de vida vencelladas ao rural galego, a súa iconografía e a súa presenza na cultura contemporánea. Da man de Aser Álvarez, director, guionista e produtor galego, «A vida lenta. Memorias e ritmos do rural galego», conxuga fotografías, pezas audiovisuais, poesía e música nun evento pensado como recoñecemento a unha realidade esencial para a conformación da identidade en Galicia. Na inauguración de mañá, no Café Moderno Afundación Pontevedra, ás 10.30 h, estarán Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación, e Aser Álvarez, guionista e produtor. Haberá unha visita guiada ás 19.00 h e unha interpetación da música orixinal por parte de Moisés Quintás na propia sala.
A exposición conta con valiosos fondos documentais fotográficos e cinematográficos desde 1930 ata finais do século XX: a colección de Jaume Lloveras e Juan Piñeiro Andión (1978-1986), o arquivo do fotógrafo lugués Carlos Valcárcel e os Fondos Fotográficos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. Todos eles, acompáñanse de versos creados por algúns dos poetas gañadores do Premio de Poesía Afundación, como Olalla Cociña, Miguel Sande, Gonzalo Hermo e Oriana Méndez, co obxectivo de reflexionar sobre a presenza do rural na cultura contemporánea. A banda sonora da mostra, unha creación de Moisés Quintás, recrea o chiar dos carros, o ouvear dos lobos, o xirar das rodas de muíño ou o cravuñar das gadañas.
Con esta iniciativa, Galicia convértese na primeira comunidade de España en abordar unha exposición monográfica cos fondos catalogados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.