Volven as Tanxugueiras a Sala Rebullón !!!

Tanxugueiras incrementa as revolucións do folk galego. Co seu disco de

debut, un repertorio escollido para amosar a esencia da tradición,

Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío chegaron a máis de 100

escenarios dentro e fóra das nosas fronteiras. Unha aposta sen corsés

enchida de virtuosismo e contundencia que continúa no seu segundo

traballo, Contrapunto. Un disco que incide na recuperación da

tradición das pandeireteiras e a integran con harmonías de diferentes

estilos e situar á música galega en novos escenarios. Tanxugueiras son

renovación, reinterpretación e revolución para a tradición musical

de Galicia.

Novo disco:

A vida ten dúas caras. Ten momentos contrapostos, que saben ás veces

doce e ás veces amargo. Unha dualidade inevitable que equilibran con

tento e delicadeza, con forza e carácter, as Tanxugueiras. Sangue novo

para revitalizar e actualizar a tradición da música oral do país,

unha formación que no seu segundo disco consegue dar unha nova vida e

un novo significado as coplas que se cantan dende antigo en Galicia.

Contrapunto é un disco de dez temas siameses, cinco caras e cinco

cruces de diferentes momentos da vida narrados a través das letras que

as pandeireteiras mantiveron vivas ata hoxe. Palabras con pasado para

describir o presente a través de voces destas tres mozas e de

sonoridades de diferentes estilos. Unha proposta que expande as

posibilidades da música tradicional e a sitúa a base de forza e

empoderamento nos mesmos escenarios que estilos como o pop ou o indie.

O seu segundo traballo, que leva por título Contrapunto, publicouse en

novembro de 2019, da man de Calaverita Records e PlayPlan, coa

colaboración da Agadic (Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de

Galicia)» e Xacobeo 2021.

O directo:

Voces, pandeiretas e luz na súa versión máis ousada. O esencial da

música tradicional sobre o escenario cunha potencia que só acadan

Tanxugueiras. En directo, Olaia Maneiro, Sabela Maneiro e Aida Tarrío,

acompañadas das percusións de Isaac Palacín (Berrogüeto, Guadi

Galego), conectan co público a través da súa naturalidade e enerxía.

A interpretación ao vivo dos novos temas gaña agora en presencia e

teatralidade para dar forza ao relato que transmiten as súas letras. E

fano sen perder esa ledicia contaxiosa pola que as recoñece o público.