Afundación, a Obra Social de ABANCA, presenta mañá, martes 31 de maio ás 10.30 h, no Teatro Afundación Vigo Suma creativa, un volume de relatos inspirados na Colección de Arte, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 2015. A este acto asistirán Paloma Vela, coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación e responsable da Colección de Arte Afundación; as escritoras e escritores María Lado, Eli Ríos, Mario Regueira, Diego Giráldez, Antonio Manuel Fraga, María Solar e o artista plástico Jorge Perianes.

Nesta ocasión, Afundación anima a achegarse á Colección de Arte Afundación desde

unha mirada novidosa e multidisciplinar, na que as artes plástica e a literatura conflúen

para dar a coñecer a importancia dunha das coleccións máis relevantes da arte galega

contemporánea. Conformada por máis de cinco mil pezas, cuxo abano cronolóxico

abrangue desde finais do século XIX ata os nosos días, serve de base para que

aplaudidas figuras da literatura galega contemporánea compoñan unha serie de

relatos a partir das obras que cada unha delas especificamente escolleu para a ocasión.

Cun inicio establecido polo texto de apertura de María Lado, os seguintes escritos

continúan a liña ficcional inaugurada. Ledicia Costas, Berta Dávila, Antonio Manuel

Fraga, Diego Giráldez, O Hematocrítico, María Lado, Emma Pedreira, Mario Regueira,

Eli Ríos e María Solar son as escritoras e escritores que levan á literatura as creacións de Victoria Diehl, Julia Minguillón, María Antonia Dans, Maruja Mallo, Ánxel Huete,

Jorge Perianes, Berta Cáccamo, Urbano Lugrís, Pamen Pereira e Álvaro de la Vega.