SonDeSeu inicia a xira de celebración do seu vinte aniversario este xoves, 12 de maio, cun concerto acústico no Teatro Afundación de Vigo, na propia cidade na que agromou a orquestra folk. O espectáculo vai brindar ao público a oportunidade de gozar dos mellores éxitos de SonDeSeu dun xeito inédito: os sesenta músicos do grupo van actuar nun formato acústico sen amplificación. Este concerto é posible grazas á colaboración do Concello de Vigo e as súas entradas poden adquirirse na web ataquilla.com.

SonDeSeu comezou a súa andaina hai dúas décadas como unha actividade de conxunto instrumental coa intención de facer e compartir, colectivamente, a música tradicional galega. Co paso dos anos, a entidade medrou a base de ilusión, esforzo e xenerosidade colectiva, tanto por parte do alumnado coma do seu profesorado, creando novas vías para a comprensión da evolución das músicas de raíz desde a óptica do século XXI.

Sobranceiras figuras e mestres como Rodrigo Romaní, Begoña Riobó, Anxo Pintos, Xisco Feijoó, Xaquín Xesteira, Alfonso Franco e Xosé Liz forman parte deste proxecto educativo e musical, hoxe en día vinculado á ETRAD (Escola Municipal de Vigo de Música Folk e Tradicional), que favoreceu a creación dunha prometedora e efectiva canteira artistas musicais que transmiten a tradición desde a contemporaneidade. Durante estes anos, ademais, bandas e músicos como Treixadura, Susana Seivane, Rosa Cedrón, Uxía Senlle, Carmen París ou Nino Galissa colaboraron dun xeito estreito con SonDeSeu.