SNST (Vigo) e SKIRL (Pontevedra) pasarán polo Tronko Bar (Rúa dos Matos de Arango, Pontemuíños, Pontevedra) ofrecéndonos unha noite de Hard-Rock, Alternativo e Grunge.
SNST chegan a Pontevedra presentando o seu segundo álbum Canciones Maltratadas que saíu á luz en marzo do 2022.
A proposta é a dunha música que recolle moitos matices do rock, baseada nunhas cancións que unen forza e suavidade, e onde a composición e os xogos vocais toman o protagonismo. Cunha base sólida de batería de Javi e o baixo de Raúl, son Diego e Iñaki nos que, no seu rol de guitarristas, vocalistas e compositores, aportan a mestura de harmonías que fan que non te aburras nos seus concertos.
Skirl é unha banda de grunge/rock alternativo de Pontevedra fundada a comezos do 2011, actualmente integrada por Javi Pascual (voz principal e guitarra), David Graña (baixo e coros) e Rubén Iglesias (batería e coros).
As influencias son principalmente a música rock dos anos 90, especialmente aquelas procedentes da escena musical de Seattle (Alice in Chains, Soundgarden, Pearl Jam, Foo Fighters, entre outras), así como outros subxéneros como o stoner rock, rock progresivo ou o hard rock máis clásico.
Veñen presentando o seu segundo traballo de estudio Demolition.