No contexto da programación do Club de Lectura #BiblioMARCO, e como actividade complementaria da lectura do mes de xuño —Elvira Lindo. 30 maneras de quitarse el sombrero— organízase esta actividade que inclúe a proxección do documental “Las Sinsombrero” (grazas á colaboración de RTVE), que servirá como peche da tempada do Club de Lectura antes da paréntese de verán.

A presenza, tanto no documental coma na novela, dalgunhas das protagonistas da Xeración do 27, brinda un excelente punto de partida para o debate sobre o papel destas mulleres, silenciado na maioría dos relatos oficiais, e ofrece interesante información adicional para o desenvolvemento da sesión.

Ficha técnica

Título: Las Sinsombrero

Directora / Produtora executiva: Tània Balló

Director / Produtor: Manuel Jiménez Núñez

Directora / Produtora: Serrana Torres

Produtor executivo: Alejandro Illa

Produtor executivo: Andrés Luque Pérez

Autor: Jorge Carrasco

Produción: Tània Balló, Manuel Jiménez, Mariona Clavería

Fotografía: Pedro Sara Vila

Data produción: 01/01/2015

Emitido en: Imprescindibles el 09/10/2015

Duración: 56’03’’

Sinopse

Documental sobre as artistas e intelectuais da Xeración do 27. Mulleres de grande talento como Maruja Mallo, Marga Gil Roësset, María Teresa León, Josefina de la Torre, Rosa Chacel, Ernestina de Champourcín, María Zambrano e Concha Méndez, que conviviron, se formaron e desenvolveron a súa obra xunto a os recoñecidos membros masculinos da súa xeración, e que tras a Guerra Civil foron condenadas ao esquecemento.

Programa Imprescindibles (RTVE) 09.10.15

En España, o ano 1927 está asociado á xeración de artistas e intelectuais máis fecunda do século XX. A denominada Xeración do 27 converteuse nunha das marcas artísticas máis recoñecidas que identifica un momento crucial (1923-1936) na historia cultural e social do país. O feito de formar parte desta Xeración permitiu que os seus integrantes oficiais, entre os que se atopan Federico García Lorca, Luis Buñuel, Salvador Dalí, Rafael Alberti ou Luis Cernuda, gozaran de popularidade e foran obxecto de atención nacional e internacional.

Pero este recoñecemento só existe cara a eles, se ben nesta explosión creativa había tamén mulleres, e dela xurdiu a que foi a primeira xeración de mulleres que entrou sen complexos no mundo artístico. Mulleres de gran talento, que compartiron entre elas amizade, reflexión e vivencias e que influíron de forma decisiva na arte e pensamento español e, nalgúns casos, debido á súa produción no exilio, nos estilos e xéneros de artistas internacionais. A Guerra Civil supuxo o fin desa Xeración, pero no caso delas, supuxo tamén a súa condena ao esquecemento.

Reconstituída a democracia, os nomes dos seus colegas foron recuperados e enxalzados, mentres os delas permaneceron en silencio, perdendo o seu lugar de pleno dereito dentro do relato oficial da Xeración do 27, e por conseguinte na historia. María Teresa León, Ernestina de Champourcín, Rosa Chacel, Concha Méndez, Josefina de la Torre, María Zambrano, Maruja Mallo e Marga Gil Roësset son algunhas destas creadoras.

Club de Lectura #BiblioMARCO

O Club de Lectura #BiblioMARCO é unha actividade gratuíta, concibida como espazo de encontro e intercambio de experiencias para persoas interesadas nas artes en xeral. Os eixes argumentais das novelas están relacionados coa arte nas súas distintas manifestacións, e cada sesión está acompañada con material de apoio e catálogos que, máis alá da lectura en si, establecen relacións con obras e movementos artísticos, o que converte este Club nunha experiencia diferente que axuda a afondar nos contidos da creación contemporánea.

O obxectivo é constituír un espazo de debate e pensamento crítico en torno aos múltiples temas que aparecen ou se suxiren nos libros e, a través desa análise, establecer conexións coa arte contemporánea.

A iniciativa xorde na tempada 2019-2020, con tres grupos presenciais e 22 participantes por grupo. En 2020-2021 organízanse catro grupos, incluíndo os tres presenciais (reducidos a unha capacidade de 9 persoas debido ás restricións COVID-19) e un virtual, a través a plataforma ZOOM, no que participan 15 persoas.

Os encontros teñen lugar unha vez ao mes e, en ocasións, son acompañados de actividades paralelas que ofrecen información complementaria, axudan a afondar nos temas tratados, e melloran a experiencia das sesións polo intercambio de experiencias e a sensación de comunidade.