Tralo rotundo éxito que a actividade tivo en 2020, Turismo de Pontevedra decidiu ampliar este verán a tódolos sábados e domingos da segunda quincena de xullo e do mes de agosto as rutas fluviais do programa Paddle Surf Pontevedra, organizadas en colaboración coa firma especializada Urban Culture Factory.

A páxina web de Visit Pontevedra abriu o prazo para inscribirse nestes roteiros diúrnos e nocturnos gratuítos polas augas do río, que están pensados para tódalas idades, que se desenvolverán en grupos de oito persoas e que darán comezo este mesmo sábado 17 de xullo cun itinerario de noite.

No que se refire aos horarios das rutas, están previstas dúas saídas para os sábados, unha de tarde entre as 17:30 e as 19:30 horas e outra nocturna de 21:30 a 00:00 horas, e outras dúas para os domingos, unha de mañá de 11:30 a 13:30 horas e outra de tarde de 17:30 a 19:30 horas (en grupos de oito persoas).

Coñecerás a arquitectura, enclaves, personaxes históricos e moito máis dos cales a cidade e o río foron testemuñas e cómplices durante séculos. Descobre a historia e lendas do Río Lérez e a cidade de Pontevedra dunha maneira saudable, divertida e desde unha contorna distinta coas vistas que ofrece da cidade navegar desde o río.

Unha actividade para todas as idades con dous tipos de roteiros guiados en pádel surf descubrindo a historia de enclaves, personaxes da cidade, edificios, lendas e historias vinculadas á coidade.

Non é necesario saber nadar, o equipo garante total seguridade.

Táboas anchas que achegan total estabilidade.

Actividade gratuíta dirixidas aos visitantes da cidade e á poboación local de Pontevedra e arredores.

Hai tres roteiros dispoñibles, un roteiro diúrno, outro de tarde e un nocturno.

Roteiro diúrno / Roteiro de tarde. Travesía turística a través do Río Lérez cara ao balneario antigo do río e volta á praia fluvial.

Roteiro nocturno. Travesía turística a través do Río Lérez cara ás pontes para poder gozar da súa iluminación nocturna e volta á praia fluvial.

O punto de inicio e fin do percorrido é a Praia Fluvial na Av. de Bos Aires, 36156 Pontevedra.