Rebeliom do Inframundo lanza ‘Ti’, último adianto antes da publicación do novo álbum.

`Ti’ é o novo sinxelo da banda de rap viguesa Rebeliom do Inframundo, ademais do último adianto do seu próximo álbum Amor ou barbarie, que sairá o 23 de febreiro.

‘Ti’, producida por John Connor (J.CNNR), estará dispoñible a partir das 15:00 do martes 31 de xaneiro en todas as plataformas dixitais: Spotify, iTunes, Amazon Music e YouTube. O videoclip que acompaña a esta nova canción é obra de Alberto Lora, baixo a produción de Galunk Producións.

‘Ti’ é unha canción de desamor, un tema pasional no que deixar arder o pasado para ollar cara adiante. O tema foi composto por e para todas as persoas que ou ben están vivindo un momento de separación ou que o viviron nalgún momento.

Forza, sinceridade e amor propio para afrontar a dor dunha ruptura. O tema, gravado por Frank Huxley e masterizado por Jayder, está composto polas letras de Nervo e as bases de John Connor.

Amor ou barbarie chega o 23F

‘Amor ou barbarie’ é o cuarto álbum de Rebeliom do Inframundo e supón un antes e un despois na agrupación galega. A banda acostuma a non repetir ningunha fórmula e facer sempre o que queren a nivel artístico, filosofía que manteñen nesta última creación discográfica que verá a luz o próximo 23 de febreiro. Un elepé cheo de

forza, amor, rabia, paixón e crítica. Ritmos de todas as cores e letras punzantes que non deixarán a ningún corazón sen latexo.

Rebeliom do Inframundo

O grupo comezou a súa traxectoria no ano 2005, o seu nome provén do lugar onde se xuntaban (Inframundo) en Ponteareas. Inicialmente a banda comezou con tres compañeiros desa vila que se xuntaron para facer música, segundo eles nacida da raiba e a frustración, eses primeiros membros eran: Nervo (MC), Rustiko (MC) e Rapu (DJ). Anos despois editaron a maqueta Rebeliom do Inframundo (2009) e o seu primeiro disco físico A Sorpresa (LP, 2012). Despois deste traballo, o grupo parou a súa actividade e DJ Rapu deixou a banda.

Tempo despois fíxose pública a volta de Rebeliom do Inframundo cunha nova formación, á banda incorporáronse Malvares de Moscoso, antigo membro da banda de rap galega Os Trasnos de Moscoso; o MC vigués Frank, pertencente ao colectivo Verso Libre; un novo produtor musical Movementss e o mando dos pratos un novo DJ, Ichi. Xuntos deron forma ao que sería o novo traballo da banda, Lume e Rebeliom presentado en abril de 2016 en Vigo.

A comezos de 2019 sae o seu novo LP, Ilegal, autoeditado xunto á produtora viguesa Galunk Producións, o grupo entraría nunha nova etapa como banda, coa inclusión de Movementss nos seus directos e o cambio de DJ, entrando DJ Pol a formar parte da formación oficial do grupo.

Rebeliom do Inframundo é a día de hoxe o máximo expoñente de rap galego a nivel estatal; os seus directos son unha explosión na que combinan hip-hop, electrónica, folk tradicional e punk e co que non deixan indiferente a ninguén.