Talía Teatro presenta o espectáculo "Vida de cans", dentro do ciclo Ponteatro 2020.

Unha comedia de Cándido Pazó na que se xoga co concepto de liberdade e sobre a reflexión de onde están os límites.

Elenco: Toño Casais, Dani Trillo e Artur Trillo.

Tres actores. Tres cans. Ou tres actores que fan de can. Sen deixar de ser actores. Sen deixar de ser cans.

Están recluídos nun recinto que lles preparou o seu amo. Moi grande, moi cómodo, moi ameno, moi limpo… pero recinto Ben tratados, ben atendidos, ben alimentados, ben acariñados… pero recluídos.

Fóra do recinto está a liberdade. Cos seus desacougos, as súas incertezas, os seus problemas, os seus perigos… pero liberdade.

Cada un dos tres afronta o conflito segundo a súa personalidade. Ou segundo a súa canalidade. E todo vai derivando cara unha traxedia… que nunca deixa de ser comedia. Comedia absurda. Comedia paródica. Comedia metafórica.

Aforo limitado a 60 persoas sentadas individualmente e cunha cadeira libre polo medio.

O uso de máscara é obrigatorio en todo momento, así como o cumprimento da normativa e restricións sanitarias vixentes en cada momento, ao igual que se deben cumprir permanentemente as indicacións do persoal de sala.

Non está permitido intercambiar cadeiras ou ocupar cadeiras diferentes á que figura na entrada adquirida.