Proxección de 'Outro país'(Sérgio Tréfaut, 2000, 70 min., VOSE), organizada polo Cineclube Pontevedra.

Lingua orixinal: portugués

A descoberta da democracia e o desmantelamento do último imperio colonial europeo tralo golpe militar de 25 de Abril de 1974 colocaron a Portugal no primeiro plano da actualidade internacional.

Durante a Revolução dos Cravos algúns dos maiores fotógrafos e documentalistas do mundo desembarcaron en Lisboa para recoller as imaxes deste acontecemento: Glauber Rocha, Robert Kramer, Thomas Harlan, Pea Holmquist, Sebastião Salgado… Que foi o que descubriron en Portugal? Cales eran os seus soños e expectativas? Que quedou do soño revolucionario?

En 1999, o realizador Sérgio Tréfaut decide facer unha pesquisa sobre os milleiros de rexistros fotográficos e fílmicos espallados polo mundo e practicamente esquecidos en Portugal para compoñer un retrato dun dos momentos máis relevantes da historia portuguesa.

PROGRAMACIÓN ABRIL 2021

O Cineclube Pontevedra retomará a programación o martes 13 de abril, logo da Semana Galega da Filosofía, cun mes que camiñará, da man do realizador brasileiro Sérgio Tréfaut e da realizadora portuguesa Susana de Sousa Dias, a través do cante alentexano, a memoria da represión política da ditadura salazarista e o arquivo fotográfico e fílmico que xerou a revolución do 25 de Abril.

Debido ao atraso do toque de queda anunciado pola Xunta, o Cineclube Pontevedra retoma o seu horario habitual ás 20:30 h dende o vindeiro martes, día 20.

A billeteira do Teatro manterase aberta unha hora antes, dende as 19:30 h, para que as entradas poidan recollerse de maneira espazada.