A exposición O universo de Xaime Quessada, que se poderá ver no Sexto Edificio do 24 de setembro ao 10 de xaneiro, amosará unha selección de 59 obras que comprende cinco décadas da actividade creadora do artista Xaime Quessada [Jaime Quesada Porto] (1937-2007), pertencentes a diversas coleccións privadas en nove institucións públicas.

Desde os comezos da súa formación, na súa cidade natal, a época de estudante na Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid (1956-1960) e ata o final da súa vida, que se pecha no ano 2007, Quessada reflectiu na súa obra os acontecementos máis relevantes do seu tempo. Testemuña dunha época marcada por grandes convulsións e transformacións, soubo reflectir a través do seu traballo as propias inquedanzas, deixando ao descuberto a sensibilidade para captar aqueles asuntos de relevancia histórica referentes á arte, ao pensamento ou á política, en definitiva, ao ser humano, sempre no trasfondo das súas motivacións.

Constrúe o seu universo, acuñando unha linguaxe enraizada nos valores esenciais da pintura, recreándose en cuestións eminentemente plásticas e estéticas, partindo dos seus puntos de referencia na arte: Rembrandt, Goya e especialmente Picasso, o seu inevitable mestre; os expresionismos xermanos, o realismo máxico, o construtivismo ou a pegada ideolóxica do muralismo mexicano teñen permanente cabida, están no trasfondo das súas motivacións.

+info. en museo.depo.gal