A mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello do Porriño

A praza do Cristo no Porriño acollerá mañá mércores 11 de maio, ás 18.00 h, a inauguración da exposición «Os nosos Océanos», un proxecto fotográfico desenvolvido en colaboración coa Editorial Planeta e baixo o comisariado de Joaquín Araújo, experto en medio ambiente e reputado ecoloxista. Estará precedida polo acto

de rúbrica do convenio no que se enmarca esta mostra, que terá lugar ás 17.30 h na Casa do Concello do Porriño Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello do Porriño, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas en ambos os dous actos coa presenza do alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo; a

coordinadora de Cultura de Afundación, Marité Cores; e José Luis Romero Quiroga, coordinador de Banca Institucional de ABANCA .

A exposición «Os nosos océanos» poderase visitar, a pé de rúa, no Porriño, do 11 de maio ao 19 de xuño. Presenta as imaxes máis espectaculares da biodiversidade mariña, porque todo o que coñecemos como vida non só procede dos océanos, senón que segue dependendo deles. Con esta exposición, Afundación Obra Social ABANCA sae á rúa cunha achega cultural de primeira orde que xunta mensaxe, beleza, transcendencia e emoción.

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.