Como novidade, tralo anuncio por parte da Xunta de Galicia da restricción de aforos nos teatros e cinemas a 30 persoas, o Cineclube Pontevedra está traballando para poder desdobrar as sesións do mes e poder ofrecer dous pases de cada filme.

Polo de agora, de cara á semana que vén, ademais dos dous pases xa programados para luns e martes (o do martes comezará ás 20 h, debido á longa duración do filme e á incompatibilidade co toque de queda), temos xa confirmadas dúas matinés ás 11 h da mañá: mércores 11 para Estaba na casa, pero… e venres 13 para A aventura.

Os organizadores agardan con isto poder darlles cabida, na medida do posible, a todas as persoas usuarias do cineclube, así como evitar ter que cancelar a programación de novembro debido ao insostible da situación derivada das novas restriccións á cultura.

……….

Martes 17 | 20:00 h. | Teatro Principal

*A sesión comezará ás 20:00 h. se continúa o toque de queda ás 23:00 h. e ás 20:30 h. en caso de que se elimine ou estenda ás 00:00 h.

……….

"A NOITE"

Michelangelo Antonioni, 1961, Italia, 122 min., VOSE

Lingua orixinal: italiano

Giovanni Pontano (Marcello Mastroianni) é un escritor de éxito que ten que asistir á presentación da súa última novela. Acompañado da súa esposa Lidia (Jeanne Moreau), visita antes a Tommaso (Bernhard Wicki), un amigo da infancia, que está morrendo nunha clínica milanesa. Este encontro suscita no matrimonio unha serie de cuestións. A súa relación bifúrcase. Non son quen de disimular o seu tedio. Tampouco de separárense definitivamente.

A noite é o segundo filme da chamada triloxía da incomunicación do director italiano, iniciada un ano antes con A aventura e culminada ao seguinte con O eclipse. Con el, Antonioni, en pleno auxe do seu recoñecemento internacional, gañaba o Oso de Ouro no Festival de Berlín.