A Biblioteca Pública Municipal de Tui organiza dende hoxe luns 5 e até o venres 30 de decembro unha nova edición do mercadiño solidario de libros, en colaboración co departamento de Servizos Sociais do Concello.

Nestas xornadas, a Biblioteca Municipal ofrece os libros destinados ao expurgo, procedentes dos seus propios fondos ou de doazóns da veciñanza, para que aqueles lectores interesados poidan recoller aquelas obras que resulten do seu interese.

A condición para acceder a este mercadiño é a entrega dun lote de produtos de Nadal que estarán destinados ás familias atendidas polos Servizos Sociais municipais.

Os libros ofertados son de temática moi ampla e variada, desde novelas, libros infantís e xuvenís, libros de coñecementos, de non ficción, incluso algunhas obras de consulta.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente Solla, que visitou esta mañá o mercado, salienta que con esta actividade a Biblioteca Municipal oferta un amplo abanico de libros a todas as persoas afeccionadas á lectura a cambio da entrega de produtos do Nadal cunha finalidade solidaria. É unha ocasión de achegarse para atopar algunha publicación, xa fora do mercado ou descatalogada, que deste xeito aproveita ao lector interesado e tamén á familia que recibirá os produtos de Nadal.

Engade a concelleira que as obras ofertadas no mercadiño serán renovadas periodicamente, polo que para os amates dos libros é recomendable realizar varias visitas ao mercadiño que ofrecerá novos títulos progresivamente.