Noitiña guapa de ambient a que temos preparada para a tardiña deste sábado 24. Dende o Levante chégannos dúas das propostas máis interesantes do panorama actual. Atendede:

Materia trae fresquiño o seu «Temor Cíclico», fermoso e inquietante álbum de guitarras flotantes e teclados tebrosos, de ambientes escuros e agradables a un tempo. A Materia conformána Juanvi e Fernando Junquera, 50% de Mecánica Clásica, outra das bandas-referente da escea valenciana. A Fer coñecerédelo de sobra: é un vello amigo do Liceo que xa nos leva deixado unha boa puñada de noites para a lembranza co seu proxecto unipersoal, Negro. «Temor Cíclico» supón ademáis a estrea do seu propio selo, Objetos Perdidos, centrado na música experimental.

Hari Sima é o proxecto en solitario de Paco León, anteriormente en proxectos como Güiro Meets Russia ou Astropáramo. No seu último traballo, «Fluido Tiempo» -publicado por Abstrakce Records, selo referencia do ambient estatal-, explora terreos emocionalmente escuros e difusos, como a melancolía, a ausencia ou a perda, a través de viaxes por paisaxes sonoras de texturas sintéticas.