A Casa da Cultura Castelao de Salceda de Caselas acollerá mañá mércores 30 de xuño, ás 12.00 h, a inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Salceda de Caselas, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto de inauguración coa presenza de Verónica Tourón, alcaldesa; Loli Castiñeira, tenente de Alcaldía; Alex Rodríguez, concelleiro de Cultura; Marité Cores, coordinadora da Área de Cultura de Afundación; José Luis Romero Quiroga,

coordinador de Banca Institucional de ABANCA en Vigo.

A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o vindeiro 28 de xullo, de luns a venres de 9.00 a 21.00 h ( a partir do 20 de xullo 9.00 a 15.00 h).

Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.