Será este xoves 24 a partir das 19.30 horas na Biblioteca municipal.

Proseguen as actividades culturais no Rosal para este mes de xuño. Este xoves 24 a Biblioteca municipal acolle a presentación do libro ‘Romanza de los naranjos en flor’, a novela coa que o filólogo, docente e investigador Juan Galán inicia a súa carreira literaria. Será a partir das 19.30 horas con aforo reducido e entrada de balde e libre

ata completar prazas. A presentación contará con todas as medidas de prevención e seguridade marcadas polas autoridades sanitarias.

‘Romanza de los naranjos en flor’ é unha combinación de novela histórica e de intriga que transcorre durante a Guerra Civil española. Cunha estrutura complexa, con diversas voces narrativas e con saltos no tempo, o libro inclúe ademais entradas nun caderno a modo de diario, cartas, informes e novas xornalísticas.

A novela narra a historia de dous personaxes: Alfonso Castro Weiss, falanxista coruñés, avogado e fillo de republicano nado en Ferrol; e Miguel Artimes Llana, violinista ovetense afiliado á CNT. As súas vidas transcorren de xeito paralelo, sen vínculos entre eles, ata que coinciden no campo de concentración do Mosteiro de Oia, Alfonso como inspector, Miguel como recluso.

Juan Galán retrata nesta obra unha traxedia colectiva na que, ademais de describir a dureza das condicións carcerarias, consegue atopar espazo para o amor, a música, a solidariedade, o humor e a amizade entre persoas de bandos enfrontados.

Licenciado en Filoloxía Inglesa pola Universidade de Santiago, Galán viviu en países de varios continentes e traballou como profesor de inglés en Karoi, Zimbabwe. Tras exercer a docencia durante máis de 30 anos, acaba de xubilarse e está centrado na súa segunda novela, que xira arredor da escritora británica Virginia Wolf e a súa relación con Galicia. Ademais de docente e escritor, Galán tamén e investigador da Memoria Histórica Democrática e está preparando unha biografía sobre varios prisioneiros republicanos.