SINOPSE:

Isabel Risco e Fran Rei convértense en Rosalía de Castro e Eduardo Pondal nun proxecto audiovisual que mestura humor e música e que propón unha revisión cómica de diversos aspectos que nos definen como galegos e galegas, así como dos fitos máis sobranceiros do noso patrimonio cultural.

Durante o espectáculo sucédense unha serie de reflexións e titoriais (de Youtube) sobre, entre outras, a nosa teima de contestar a unha pregunta con outra pregunta, o valor da dúbida permanente, como ligar correctamente nunha verbena ou discoteca, a retranca ou como enfrontarse ás redes sociais e ás aplicacións máis avanzadas con mentalidade decimonónica. E todo isto visto desde a gran autoridade moral que atesouran estas dúas figuras imprescindibles da nosa cultura, que viaxan no tempo

e no espazo para a ocasión.