O departamento de Educación do Museo de Pontevedra organiza todos os xoves ás 18:00 horas e sábados ás 12:00 horas visitas guiadas á exposición “Galicia, de Nós a nós”.

Se queres realizar un breve percorrido introdutorio pola mostra inscríbete en educacion.museo@depo.es

“Galicia, de Nós a nós”

Desde o 20 de maio ao 11 de xullo pódese visitar no edificio Castelao a exposición “Galicia, de Nós a nós”, unha completa e ambiciosa mostra sobre a Xeración Nós, o grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

Exhíbense máis de 300 pezas aportadas por 64 institucións e particulares, entre elas o numeroso grupo cedido polo Museo de Pontevedra, especialmente o do fondo Castelao, impulsor e director gráfico da Revista Nós, concibida en Pontevedra nunha xuntanza que mantivo con Vicente Risco, Losada Diéguez e Ramón Cabanillas en xuño de 1920.

A mostra, organizada pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura e comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, exhíbese no Museo en virtude da colaboración coa Deputación de Pontevedra.

“Galicia, de Nós a nós” reúne máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores privados. Naceu co alicerce de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta e daquel grupo humano que marcaron o devir de Galicia.