O ciclo musical organizado pola Sociedade Filarmónica de Vilagarcía fai a segunda escala da tempada cunha gala lírica protagonizada pola xoven mezzo soprano rusa Aigul Akhmetshina que, para a ocasión, contará co acompañamento ao piano de Olga Kobekina.

Con tan so 24 anos de idade, Akhmetshina é unha das voces máis prometedoras do panorama lírico actual. A súa extraordinaria voz -é unha das poucas mezzos de coloratura, cun rexistro e timbre únicos- fixeron que destacase moi pronto, chegando a debutar na Royal Opera House londinense no rol de Carmen, na ópera de Bizet, sendo a cantante máis nova en interpretar este papel neste lendario escenario. Dende ese momento, a súa carreira dispárase con actuacións nos teatros de ópera máis importantes do mundo.

Akhmetshina interpretará obras de Falla e de varios compositores rusos que se inspiraron en España para compoñer as súas creacións. A segunda parte do programa incluirá unha selección de arias das óperas máis coñecidas como "El Barbero de Sevilla", de Rossini ou os números de "Carmen", de Bizet que a lanzaron ao estrelato lírico.

A súa acompañante, a pianista Olga Kobekina, tamén nacida nunha república dos Urais, actualmente desenvolve a súa labor profesional en Barcelona, ligada a institucións como o Teatro do Liceu e o seu conservatorio.