A primeira exposición do proxecto abre este luns 23 na Fundación Rac baixo o título Feito de estrelas, unha mostra individual dedicada a Frank Buschmann, galardoado co Premio Artesanía de Galicia 2019.

Visitas guiadas: dentro do horario con reserva previa seguindo a normativa vixente

O vindeiro luns 23 de novembro a Fundación Rac abre a mostra Frank Buschmann. Feito de estrelas.

Trátase dunha exposición individual na que se presentarán algúns dos deseños de mobiliario máis icónicos de Frank Buschmann, contando cunha peza inédita creada especificamente para a ocasión.

Feito de estrelas propón unha aproximación á obra de Frank Buschmann tratando de abrazar non só os seus intereses plásticos senón tamén os conceptuais. A mostra compón unha constelación de recursos, referencias e analoxías que permiten comprender o conxunto xeral do seu traballo, definido polos principios de sustentabilidade desde o propio proceso de produción até o obxecto final.

O percorrido expositivo aproximaranos aos valores da súa marca, Woodworks Buschmann Bella, penetrando nunha práctica que dispón a intención de manter vivo o carácter da materia prima abríndose

á composición formal desde un poderoso sentido do equilibrio. Tendo na madeira o seu principal aliado, cada obra estreita os seus vínculos coa seguinte para trazar a súa xenealoxía entorno á forma, o elemento, o tempo e o espazo. Introducindo unha interpretación propia da contorna, as súas creacións materialízanse visualmente en deseños mínimos e austeros pero tamén rotundos, onde o material revela a súa identidade compondo un carácter armónico en liña co estilo shaker.

Nogueira, castiñeiro, cerdeira, carballo e piñeiro de oregón son as madeiras empregadas nesta mostra, seleccionadas co obxectivo de acentuar os detalles construtivos e funcionais de cada peza. Ademais

de mesas, cadeiras e outros obxectos de mobiliario, que cumpren o seu papel utilitario sen negar o seu carácter de pezas únicas, na exposición poderá verse a peza Monas, unha prensa de flores sutil e delicada, de gran potencia estética, coa cal o artista recibiu o Premio Artesanía de Galicia 2019.

Aquí destílase a esencia da tradición en conexión coa memoria da contorna, un traballo de produción sustentable que incide no emprego de recursos propios para situarse en relación ao seu contexto.