Auditorio Municipal do Concello de Vigo (Praza do Rei)

Director: Antonio Grunfeld

Ano: 2019

Duración: 85 min

Xénero: Documental

Sinopse:

Marcelo Ndong, un sexaxenario artista e escritor africano formado no Circo dos Muchachos que rexenta na actualidade unha pequena gardería en Malabo (Guinea Ecuatorial), recibe unha inesperada proposta. Como en tantas outras ocasións deberá montar unha obra de teatro, pero esta vez o argumento será el, a súa propia vida. Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que o levará de novo a Santiago de Compostela.

Galardoado co Premio Mestre Mateo ao mellor documental e co Premio do Xurado no MiradasDoc, Manoliño Nguema constrúese como unha apaixonante viaxe persoal e creativa que conducirá ao público desde a Guinea postcolonial e a España franquista, ata a actualidade de ambos os dous países, para ir aos poucos descubrindo a través do prodixioso periplo vital de Marcelo Ndong como mimo, músico e actor, pero sobre todo como migrante, os intensos e ata o de agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España. Un poderoso e valioso alegato sobre a cultura como ferramenta de reparación e desenvolvemento, da man dun artista de sangue ecuatoguineana e alma galega.