A compañía De Ste Xeito Producións porá en escena "Feminíssimas", dentro do ciclo Ponteatro.

Esta peza de Esther F. Carrodeguas, dirixida por Xabier Castiñeira conta no seu elenco con Stephy Llaryora (Ruka), Esther F. Carrodeguas (Gabi) e Noelia Blanco (Bea).

Un Congreso Feminista na cidade de Vigo. Tres amigas da adolescencia que fai anos que non se ven. Tres amigas que teñen 3 maneiras ben distintas de entender o "feminismo"… Por exemplo: feminismo radical, feminismo liberal e teoría queer.

Esta é a base de Feminíssimas, unha peza con altas doses de humor, ironía e complicidade para poñer a amizade a proba mentres analizamos -dende a comedia- de que maneira as mulleres estamos a con-vivir neste novo mundo feminista no que nos atopamos mergulladas.

Unha maneira –tamén- de rirnos de nós mesmas, das nosas propias incongurencias e sobre todo do espazo que separa a teoría pura da práctica diaria.

Un espazo –ademáis- para reflexionar sobre a amizade e a súa complexa relación coa ideoloxía.

En resumo: unha comedia negra… moi violeta.

Entradas á venda en Ataquilla.com a un prezo único de 8,00 € (4,00 € para Carné Xove, desempregados/as e maiores de 65 anos) e de non esgotarse na billeteira física de 19:00 a 20:00 h. Por mor do protocolo COVID a billeteira ten que pechar unha ahora antes do inicio do espectáculo.

…………….

Os 3 espectáculos escollidos a través da Rede Galega de Teatro en colaboración coa AGADIC, terán lugar o 25 de febreiro, 11 de marzo e 20 de maio no Teatro Principal de Pontevedra ás 21:00 h. Os mesmos completarán a programación dos Domingos do Principal e Salón do Libro, así como a musical que se presentará máis adiante.

A nova edición do ciclo Ponteatro, normalmente celebrado durante o 2º semestre, comezará o 25 de febreiro cunha estrea, "Comando comadres" de Matrioshka Teatro, escrita pola polifacética e recentemente recoñecida co premio María Victoria Moreno, Lorena Conde. Unha peza en clave de humor que convida á reflexionar sobre o patriarcado.

Seguirá o 11 de marzo, con temática feminista tamén porque nunca é abondo nestes tempos pero resulta tamén acaído pola data con "Feminíssimas" de De Ste Xeito Producións, de Esther F. Carrodeguas. Unha comedia negra chea de risas pero tamén de reflexión".

O terceiro, e último dos espectáculos terá lugar o 20 de maio con "O mozo da última fila" de Redrum Teatro e unha adaptación feita polo tamén director, Alex Sampayo, do texto de Juan Mayorga, representado en todo o mundo e sempre de xeito exitoso. Redrum é unha garantía do resultado e vai ser do agrado do público".

As tres funcións levaranse a cabo segundo os aforos vixentes, de 98 persoas no Teatro Principal, para cumprir coas normas.