Este 24 de febreiro difundirase un vídeo cun poema da autora recitado por 32 rosaleiros e rosaleiras e as bonecas de papel coa figura de Rosalía creadas polo alumnado de CRA e CPI lucirán nos escaparates dos comercios

O Rosal conmemora este ano o Día de Rosalía de Castro cunha morea de actividades nos centros escolares e para o público en xeral adaptadas á situación sanitaria e ás medidas restritivas vixentes. Así, coincidindo coa data do nacemento da autora, este 24 de febreiro a fachada da Igrexa da parroquia de Santa Mariña, na Praza do Calvario, será o lenzo sobre o que se proxecten frases ou versos de Rosalía. A Deputación de Pontevedra escolleu ao Rosal xunto a outros cinco concellos de toda a provincia para proxectar a forza da escritora en edificios emblemáticos.

Ese mesmo día tamén se difundirá a través da web do Concello e das redes sociais municipais un vídeo cun poema de Rosalía recitado por 32 persoas do Rosal que nestes intres viven fóra de Galicia, dando vida a algúns dos nostálxicos e morriñentos versos escritos pola autora.

Pola súa banda, os centros escolares tamén están a traballar sobre a figura de Rosalía. Así mentres que na escola infantil e nas aulas de infantil do CRA María Zambrano os nenos e nenas máis pequenos pintaron debuxos con versos da escritora, o alumnado de primaria do CRA e o do CPI da Mata crearon unhas bonecas de papel coa figura de Rosalía que lucirán os vindeiros días nos escaparates dos establecementos comerciais. Todas estas figuras de papel formarán parte dunha mostra que poderá visitarse nas dependencias municipais e na sala de exposicións do Concello.