As persoas interesadas en participar deberán presentarse este sábado 5 de xuño ás 17.00 horas na Casa do Río (antigo matadoiro)

O Rosal celebrará este sábado 5 de xuño o Día Mundial do Medio Ambiente cunha andaina para a recollida de lixo en espazos naturais aberta a todos os públicos. A ruta realizarase en grupos reducidos e cumprindo con todas as medidas de precaución e seguridade necesarias dada a situación sanitaria.

As persoas interesadas en participar deberán presentarse ás 17.00 horas na Casa do Río, o antigo matadoiro. Unha vez xa no punto de encontro a organización distribuirá a todas e todos os participantes en grupos en función do número de persoas e repartirá o material necesario para a actividade.

O Día Mundial do Medio Ambiente, establecido pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1972, celébrase este ano baixo o lema 'Reimaxina, recrea, restaura' para incidir na necesidade de realizar accións que poidan aprazar e deter a degradación dos ecosistemas e fomentar a súa recuperación. Ademais, esta data busca sensibilizar ás persoas sobre cuestións ambientais, promover a implicación da sociedade nun cambio de actitude para un desenvolvemento sostible e fomentar a cooperación para garantir que as vindeiras xeracións gocen dun futuro máis próspero e seguro.