O venres, 23 de abril, celébrase o Día Internacional do Libro, unha data que a Concellería de Cultura do Concello de Vilagarcía conmemorará do mellor xeito que se pode facer: dando a coñecer unha nova obra literaria dun autor local. Trátase de "O soño da distopía", a primeira novela do vilaxoanés, David González Plats. A presentación ao público será o sábado, ás 20.00 horas no Salón García.

Psicólogo de profesión, a idea de escribir unha novela xurdiu de forma espontánea a raíz dunhas reflexións persoais que, a medida que ía desenvolvendo, foron collendo a dimensión necesaria para dar soporte a unha novela. Foi así como David G. Plats da forma a "O soño da distopía", unha historia que describe como sería unha sociedade macro capitalista na que os principios deste sistema se aplican ao máximo nivel e sen ningún límite ou restrición. Unha trama que se desenvolve a través da historia do protagonista, un home que crea un partido político con esta filosofía.

O autor explica que rematou a novela en febreiro de 2020 pero que, coa chegada da pandemia, preferiu esperar a que a situación, "bastante distópica de por si", volvese un pouco á normalidade antes de iniciar a promoción da obra que el mesmo editou sen ningún tipo de axuda. Agora retoma este proxecto elixindo a súa localidade natal para presentar "O soño da distopía" nun acto público que contará coa presenza da concelleira de Cultura, Sonia Outón.