Co gallo da celebración do Día Mundial do Teatro o próximo 27 de marzo, a Deputación de Pontevedra volve abrir o telón para sacar a acción escénica á rúa, con dúas funcións que se desenvolverán este venres 26 en Pontevedra e o sábado 27 en Vigo nos exteriores de ambas as dúas sedes . Deste xeito e baixo o lema "A Depo Inspira Teatro", a Deputación se suma á conmemoración desta xornada co fin de dar visibilidade a un sector moi castigado pola pandemia e que tanto precisa da proximidade do público. Faino collendo aire e levantando de novo a cortina con dúas representacións a cargo de Galeatro e Inventi Teatro, dirixidas a todos os públicos e que se poderán seguir tanto na rúa como en streaming.

As fachadas do Pazo Provincial e a sede viguesa da Deputación engalanaranse cun enorme telón veneciano en cor vermella que enmarcará ambas representacións, que se desenvolverán co estrito protocolo anti Covid da institución nos seus actos culturais. Deste xeito, o aforo está limitado a cen persoas no exterior do Pazo e a trinta no caso de Vigo. En caso de mal tempo, as funcións trasladaríanse ao salón de plenos e á sala Rosalía de Castro, cun aforo de 40 e 30 persoas respectivamente. Debido a estas restricións, para asistir aos espectáculos, as persoas interesadas deberán reservar butaca no enderezo electrónico participa.cultura@depo.gal (cun máximo catro reservas por persoa).

A primeira función estará a cargo de Galeatro, que porá en escena a obra

"Muiñada", o venres 26 ás 18 horas en Pontevedra. Trátase dunha montaxe

dirixida ao público infantil e familiar (recomendada a partir de tres anos) que constitúe unha viaxe ao pasado para os nenos e nenas de hoxe. Dirixida por Davide González, con texto de Ana Carreira e interpretada por Alba Bermúdez e Tone Martínez, a historia de "Muiñada" protagonízana os personaxes de Sabela e Xacobe, que se encontran nun muíño de auga por un malentendido coas quendas e comezan unha discusión na que o xogo, as lendas, a tradición e a música farán que as crianzas e quen non o son tanto se acheguen a unha edificación fundamental para a historia de Galicia. Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo e está especializada en público familiar. Compaxina a súa labor como produtora teatral coa formación en centros de ensino e diferentes concellos da provincia da Coruña.